10 may. 2009

Pallasos en Rebeldía dende Palestina: CRONICA 6


Onte chegamos a Nablús, o corazón da resistencia palestina. Os israelitas chámanlle a fábrica palestina de terroristas e aquí atopeime por primeira vez coa morte. De camiño para a nosa actuación nun campo de refuxiados cercano á cidade, nun adiantamento absolutamente temerario, o noso chófer perdeu o control e a unha velocidade vertixinosa saiuse da estrada, batendo contra un edificio.
O coche quedou inservible e nós saimos vivos de milagre desa caixa de mistos polo noso pé, se ben fomos axudados pola Media Lúa vermella. O primeiro que fixemos nada máis ver que podiamos camiñar Laila e máis eu foi botar a rir e gastarlle bromas ao das ambulancias, de feito cando nos pediron ir ao hospital eu respondín que non podiamos que tiñamos que ir facer unha actuación en 15 minutos e que logo xa veriamos se pasabamos por alí. Pero xa cos papeis firmados deime conta que estaba con Laila, e que dalgún xeito era responsable da misón, e como Isaac ía noutro coche el podería facer a función e nós ir ao hospital. Así que cambiei de idea e con todo asinado díxenlles que si que marchabamos ao hospital.

De camiño para alí deume por facerlle o xogo que me bautizou en Chiapas, o Lokonuk (pescozotolo) e fíxenlles un número de maxia que simula como o meu pescozo estala. Que mala idea! Acabei entrando no hospital cun collarín incomodísimo e botado na camilla.

A atención médica foi extraordinaria, por certo por fin averiguei o meu tipo sanguíneo, e despois de ir dar parte á comisaría fomos para casa da familia que nos acolle nesta cidade. Se na estrada case morro, na casa desta xente volvín nacer.

Son unha entrañable parella de anciáns que nos acollen cunha comida típica palestina exquisita. Desde que entramos todo son coidados, amabilidade xestos de cariño e respeto, pero para cando chegamos aos postres, as historias que nos contan nos deixan o corazón xelado.

Nesa casa entrou (como na maioría dese barrio) o exército israelita ducias de veces para mantelos retidos e utilizalos de escudo humano diante da resistencia armada palestina. Ao fillo disparáronlle mentres estaba na terraza estudando, e de camiño ao hospital pillárono, espírono, déronlle unha malleira e tivérono 6 horas desangrándose, ata que a súa nai atravesou o cordón militar enfrentándose ao exército e conseguiu finalmente liberalo e sacalo a pé ata o hospital porque non deixaban pasar a ambulancia.

Esa mesma muller que nos serve o té que se parece enormemente á miña avoa, esa nai coraxe, case a matan mentres rezaba. Un dos versos do Corán no que se agochaba salvouna do disparo que quedou inmortalizado no armario roupeiro que está na habitación principal da casa, onde por certo pasamos a noite, mirando para os buratos de balas do tellado.

Mentres imos para a cama, o fillo danos as últimas indicacións do que debemos facer se entran de novo os soldados israelitas. Noite si e noite tamén toman a cidade a partir das 12 da noite e van entrando arbitrariamente nas casas para humillar, maltratar e roubar á sociedade civil.

Esperto pola mañá e vexo que sigo vivo, que os militares non entraron esta noite na cidade e non houbo máis disparos na casa, esperto e vexo que sigo vivo e que a xente nesta cidade segue co seu día a día, sabendo que ese pode ser o último. Esperto e algo en min cambiou. Parece que a vida é distinta cando cada día se convirte nun presente.

Esta noite volveremos a esa casa, a esa habitación con rastros da violencia xudea e volverei pechar os ollos sen saber se cando os abra terei un neno sionista apuntándome cun 16 mm

Ivan Prado