13 nov 2008

Capitalismo exprés

Houbo unha época na que unhas rapazas me acosaban. Falo desas azafatas de American Express ás que a empresa paga catro pesos para que che expliquen un contrato crediticio en dez segundos. Escóllenas por carecer completamente de defectos visuais, o que lles permite ler a letra dos contratos desta empresa, redactados por un tipo deses que talla o padrenuestro nun gran de arroz. American Express non me concedeu a súa tarxeta porque descubriu que a cousa máis cara que comprei na miña vida fora un coche normaliño que aínda teño. E as súas azafatas xa non me volveron facer caso. Non querían os meus miserables cartos de clase media.

Por iso estou contento, ou algo así, de que por fin American Express se decidira a aceptar os meus cartos e os de xente coma min (vostede, por exemplo). Mediante un deses trucos nos que a man é máis rápida que o ollo (e non digamos que a lei), American Express, que ten nome de tren pero é unha financeira, redefínese agora como «banco», e aí está, pillando moreas deses millóns que tan xenerosamente reparten os nosos políticos a un ben nutrido grupo de banqueiros (e «ben nutrido» emprégase aquí nos dous sentidos da palabra). Máis exprés imposible.

Xa saben como empezou todo isto. George Bush dixo que ía «inxectar liquidez no sistema», e todos pensamos que se volvía dar á bebida, pero non. A idea é que temos que darlles aos bancos créditos a intereses ridículos para que eles nolos presten (ou non) a intereses disparatados. É o novo capitalismo, que é como o vello pero máis gracioso. Explicábamos aquí outro día que a «man invisible do mercado» é tan invisible que cando te descoidas xa che quitou a carteira... Engadamos que, como di nas Escrituras, «a man dereita non sabe o que fai a man esquerda», e así, American Express non ten problema en asentir cunha man e negar coa outra, como fan os gardas de tráfico.

O que me pregunto é se nós non poderiamos tamén declararnos «bancos». Despois de todo, cartos estamos prestando a eito... E sendo bancos, ¿non deberiamos darnos a nós mesmos algo desa pasta gansa que estamos gastando en millonarios? A quen sexa o ministro de Economía (sáeme Emilio Botín, pero non estou seguro), a quen sexa, digo, pareceralle que isto é moito pedir pola nosa parte. Que cousas... A min, en cambio, o que me parece é que é moito dar pola nosa parte.

Miguel Anxo Murado
ESCRITO EN CAFETERIAS