13 nov. 2008

¿Gandhi?

O retorno de Hernández Mancha aos medios non puido ser máis simpático, como pintoresco fora xa o seu breve paso polo liderato do PP cando o PP era AP. En apoio a Rajoy diante da campaña aznarista contra este, Hernández Mancha asevera que o líder do PP é «como Gandhi», e que «acabará triunfando igual que Gandhi». ¿Acabar igual que Gandhi? Espero de todo corazón que non. ¿É que Hernández Mancha non sabe que Gandhi acabou asasinado a tiros por un membro extremista do seu propio partido? Aznar está agresivo, pero non creo que chegue a tanto. O que ten que facer Hernández Mancha é rematar o libro de Lapierre e Collins que supoño que estará lendo, ese que dedicaron ao político independentista hindú (o que aquí chamariamos un separatista), e verá o mal que acaba. Pero non é de Rajoy, de feito, de quen quería eu falar, senón de Gandhi, un deses personaxes tan mitificados que de vez en cando merecen unha pequena revisión crítica. Sobre todo, nuns días nos que se evidencian as graves carencias e o grave fracaso da democracia india.

Gandhi detestaba a violencia (no que tiña razón) e cría que o pacifismo podía lograr calquera cousa (o que xa non é tan evidente). Pero era tamén o que hoxe chamariamos un integrista relixioso. Non lle gustaban os hospitais, porque para el eran «unha institución que propaga o pecado, fai que a xente teña menos coidado co seu corpo e creza a inmoralidade». Isto non lle impediu a el ir curarse de varias fístulas a Londres. Tamén estaba en contra da educación e non permitiu que o seus fillos estudaran, a pesar de que el fora á universidade en Inglaterra. Con todo, un deles, Hariral, aprendeu o suficiente como para escribir unha biografía demoledora do seu pai, na que nos mostra un Gandhi moi diferente: un pai iracundo, tiránico e egoísta. Que Gandhi triunfou, como pensan Hernández Mancha e tanta xente, é máis que discutible. A súa campaña en favor do tecido artesanal foi a ruína de millóns de familias (resultaba catro veces máis caro que o algodón industrial). Contra o que normalmente se pensa, o trasacordo que levou á separación de Pakistán foi causa da intolerancia de Gandhi, non da do musulmán Jinnah, moito máis moderado ca el e, a diferenza de Gandhi, laico. A India independizouse, pero o caos que seguiu provocou un cuarto de millón de mortos. Non foi culpa de Gandhi, pero tampouco é para louvar a súa xestión. En definitiva. Está claro que Rajoy non é Gandhi. Pero é que seguramente Gandhi tampouco era Gandhi.

Miguel Anxo Murado
ESCRITO EN CAFETERIAS