10 mar. 2008

GAZA (por Carlos Aymerich)

Israel vén de retirar as súas tropas de Gaza despois dunha incursión saldada con 116 mortos, muitos deles nenos de curta idade. Mais a ameaza prosegue: o laborista Ehud Barack, ministro israelí de Defensa recoñece que o seu departamento está a estudar o bombardeamento das áreas civís de Gaza desde as que se disparen os foguetes artesanais “Kassam” ao tempo que o seu vice-ministro, Matan Vilnai, ameaza aos palestinianos cunha nova “Shoah”, a palabra hebrea utilizada para se referir ao holocausto perpetrado polos nazis.

O lanzamento de foguetes contra cidades israelíes é condenábel. Porén, semella que como xa acontecera canda os bombardeamentos contra o Líbano no verán de 2006, os foguetes son apenas a excusa que o goberno israelí precisa para levar adiante un plano preconcebido: división da resistencia nacional palestiniana, “desconexión” de Gaza – eufemismo sob o que se agacha a incomunicación coa Cisxordania e a blocaxe criminal que padecen os gazatíes – e, finalmente, a “transferencia”, é dicer, o abandono de Gaza polos seus actuais ocupantes.

Uri Avnery, o veterán dirixente da asociación pacifista israelí “Gush Shalom” lembrábao hai poucos días: as luitas contra as ocupacións coloniais – desde Washington até Yasser Arafat – oferecen, para quen a queira aprender, unha lición permanente: desde o momento en que o pobo abraza a causa dos rebeldes a vitoria está asegurada. A única cuestión é canto sangue e cantos mortos cumprirán para que os ocupantes conclúan que a solución é política, non militar: negociar un acordo e sair. Infelizmente, á vista da lóxica racista e militarista que domina a política israelí, todo indica que ainda quedan muitos mortos por contar. Iso si, palestinianos na súa imensa maioría.