21 ene. 2009

O APARTHEID ISRAELÍ


No seu último e revelador traballo, “The Shock Doctrine”, a canadiana Naomi Klein advirte, con relación a Israel, do perigo de perder o incentivo da paz. Na actualidade existe un poderoso complexo militar-industrial ao ponto de o armamento e a tecnoloxía de seguranza e control de persoas constituiren o primeiro epígrafe das exportacións do Estado de Israel. Klein, ela propria de orixe xudea, conclúe que as consecuencias desta deriva atinxen non só ao pobo palestiniano, vítima dunha selvaxe ocupación militar desde hai sesenta anos, mais á propria sociedade israelí, de cada vez máis militarizada e radicalizada cara a estrema dereita racista.

Véxanse senón os dados. Dous de cada tres israelís apoian o ataque criminal contra a franxa de Gaza, que coincide cunha campaña electoral na que todos os contendentes compiten por ver quen propón o tratamento máis brutal para a cuestión palestiniana. A xustiza sionista vén de prohibir que os partidos representativos da minoría árabe – máis dun 20% da poboación – podan concorrer aos comicios co argumento de non recoñeceren Israel como “Estado xudeu”. Historiadores que como Ilan Pappé cuestionan a versión oficial sobre a xénese do Estado de Israel deitando luz sobre a deportación e o asasinato de milleiros de palestinianos foron forzados a se exiliaren.

Non é pois de extrañar que cada vez sexamos máis os que neguemos a condición democrática dun Estado que asenta sobre un elemento racial que xustifica a discriminación contra a poboación árabe e o xenocidio contra o pobo palestiniano en Gaza e na Cisxordania. Daquela, porque non lle brindar ao apartheid israelí o mesmo boicote diplomático e comercial que en tempos se lle dou ao sulafricano?

Carlos Aymerich