8 may. 2009

Pallasos en Rebeldía dende Palestina: CRONICA 5



Eu son de Lugo, unha das poucas cidades no mundo nas que se pode camiñar sobre unha muralla romana de máis de dous quilómetros, pero hoxe en Palestina exercín de asaltador de murallas modernas.

Hoxe atentamos ludicamente contra o valado da vergoña , no noso terceiro día en Qalqilya decidimos Isaac , Laila, Edu e máis eu ,acompañados de varios compañeiros palestinos do Frente Popular, levar a cabo unha acción de rebeldía pallasil contra a construción actual que máis vulnera os dereitos humanos no mundo.

8 m de alto, alambres eletrificados, torretas cheas de ametralladoras, cámaras de vídeo, patrullaxes as 24 horas do día, todo un sistema carcelario imposto a un país enteiro que se ve atravesado por unha ferida de cemento gris e xenocida, si, xenocida, porque este valado non só separa cidades, barrios pola metade, familias enteiras, non, tamén separa a milleiros de campesiños das súas terras, terras que en moitos casos, como aquí en Qalqilya, son as mellores terras , as que mais auga teñen, e que sen elas vense abocados á mendiciade e á miseria.

Cercar a poboación palestina, impoñerlles esta guillotina na súa terra é o xeito mais diabólico de ocupación. Os xudeos teñen o dereito ao igual que o resto da humanidade a lamentarse dos guettos nazis como o de Varsovia, e eu pregúntome daquela que é isto senón un inmenso e sangrante guetto? Como chamar ao feito de que quilómetros e quilómetros de grises muros impiden a xente sair das súas vilas, camiñar polas súas rúas, seren libres no seu propio país.

Durante a segunda Guerra Mundial, a humanidade viviu un dos seu peores episodios -sen lugar a dúbidas- dentro dese capítulo escuro das sociedades modernas. Os guettos e os campos de concentración foron os exercicios máis doentes daquela época , pero acaso hoxe o goberno israelí que se di democrático non está reproducindo unha versión actualizada e tecnificada do nazismo? Acaso plantar unha cárcere ao redor dos soños e as esperanzas dun pobo non é un xeito de opresión, incluso máis fascista que a que exercen nos calabozos do Mosad, ou cos bombardeos indiscriminados sobre a poboación civil en Gaza?

Cercar as vidas da xente con vontade de eternizar este conflito é un ultraxe para toda a humanidade. Non podemos sentirnos libres en ningunha parte do mundo mentres un palestino non sexa libre de camiñar polo seu país sen atoparse cunha lápida de 8 metros de alto que lle di que non ten dereito a ser persoa.

Hoxe tiramos narices vermellos e tamén pedras, atravesamos virtualmente o valado, démoslle tartazos, pintamos LONGA NOITE DE PEDRA en vermello sobre esa pel gris de inxustiza fosilizada... Hoxe exercemos de vox populi, de embaixadores da risa rebelde en nome de moita xente que no mundo sente como ese valado pesa no seu corazón, porén, cando marchamos, na nosa conciencia resoan as palabras dun compañeiro noso: "sabemos cando o construiron pero non sabemos cando o poderemos derrubar, cecais o meu tataraneto me mande unha postal á tumba coa foto do valado derrubado".

E a min gustaríam e, saeme do corazón berrarlle que non, que el verá, que xuntos veremos como o valado cae, como camiñaremos sobre os seus bloques de morte e mentira, como poderemos brincar dun lado ao outro como se o espello de Alicia fose. Gustaríame abrazalo e dicirlle que os nosos fillos xogarán nos dous lados do valado porque non existirá unha fronteira ante a felicidade dun pobo, que na miña terra hai moita xente disposta a sair as rúas para tumbar ese valado aínda que sexa na distancia.

Hoxe marchamos para casa cun sabor agridoce nos beizos e unha promesa no corazón. Ese valado caerá, tal e como caeron outros antes, porque máis pronto que tarde o torrente que a humanidade é derramarase sobre estas terras para que vexamos brotar de novo mil primaveras mais.
Ivan Prado