21 ene. 2009

POLA PAZ EN PALESTINA: BOICOT A ISRAEL



O pasado 16 de Decembro, poucos días antes do inicio do ataque sionista contra Gaza, o diplomático francés Yves Aubin de la Messuzière publicaba unha tribuna en “Le Monde” na que advertía das ameazas que pairaban sobre a precaria tregua entre Palestina e Israel ao tempo que indicaba a necesidade de recoñecer Hamas como interlocutor necesario en calquera saída dialogada do conflito. Lembraba o veterano embaixador francés, bon coñecedor de Oriente Medio, os perigos decorrentes da campaña israelí na que, alén da corrupción, a competencia entre os candidatos estriba en cal deles propón a alternativa máis selvaxe para a cuestión palestiniana e máis tamén do revanchismo da cúpula militar hebrea na que ainda proe a derrota do Líbano en 2006. Sen esquecer a fin do mandato de Mahmud Abbas como presidente da ANP. De facto, xa naquel momento había sinais alarmantes: o 4 de Novembro anterior o ataque contra unha posición de Hamas anunciaba a nula vontade hebrea de avanzar cara unha solución pacífica.

Porén ninguén fixo caso do aviso. Ben ao contrario, o artigo De la Messuzière deulle ao Ministro francés de Asuntos Exteriores a excusa para pór fin a unha misión coa que nunca concordara. Non por acaso foi este mesmo ministro, o humanitario Bernard Kouchner, quen con máis empeño defendeu, no meio do brutal ataque contra Gaza, a ampliación do actual acordo entre a Unión Europea e Israel cara un estatuto de “Asociación Reforzada” que permitiría ao Estado hebreo participar nos programas comunitarios como se dun Estado membro se tratar. Nada de que se surprender: o luns 12 de Xaneiro, con xa case mil palestinos asasinados, España, Franza e outros trece países europeos abstíñanse de condenar na Comisión de Dereitos Humanos da ONU, en Xenebra a agresión sionista contra o pobo de Gaza.


Así as cousas, para sabermos que está a pasar, é preciso fuxir de eufemismos e comezar a lle chamar as cousas polo seu nome. A fundación de Israel só foi posíbel despois da deportación e o asasinato de milleiros de palestinianos e a ocupación ilegal de territorios gañados nunha guerra de agresión. Porque os refuxiados palestinianos que malviven nos campos do Líbano, Xordania ou Siria son os descendentes dos expulsos e desposuídos pola forza en 1948. Ben o sabe o historiador xudeu Ilan Pappé que se víu obrigado, tras documentar esta operación de limpeza étnica, a deixar Israel e traballar desde o exilio.


Israel é unha potencia nuclear que ameaza aos seus viciños sen vixilancia ou control ningún da ONU e que viola de forma contumaz as normas internacionais de Dereito Humanitario e as obrigas que lle incumben como potencia ocupante. Desde hai máis de coarenta anos Israel descoñece impunemente as resolucións do Consello de Seguranza e da Asamblea Xeral da ONU que instan a retirada de Gaza, a Cisxordania e os altos do Golán e que recoñecen o dereito do pobo palestiniano á autodeterminación e ao retorno.


Israel non é un Estado democrático. Non pode ser tal o que discrimina a minoría árabe, o 20% da poboación, e prohíbe os seus partidos por non recoñeceren Israel como “Estado xudeu”. Tampouco o que, en flagrante violación do Dereito Internacional, fomenta a colonización dos territorios ocupados e rouba, a meio dun valado chamado de seguranza, os acuíferos e as terras máis ricas de Palestina. Un Estado fundado sobre unha base racial non pode ser un Estado democrático. Tampouco aquel que tortura e ten os seus cárceres ateigados con milleiros de presos, nenos incluídos, sen acusación nin xuízo ou que ten legalizadas as execucións extraxudiciais, “selectivas”, dos dirixentes da resistencia palestiniana.


En Xaneiro de 2006 Hamas gañou unhas eleccións auspiciadas e inspeccionadas pola comunidade internacional nos territorios ocupados de Palestina. Porén a UE descoñeceu o resultado dos comicios e bloqueou a cooperación económica co novo goberno colaborando deste xeito cos planos de Israel de abandonar e bloquear a franxa de Gaza co fin de centrar o empeño colonizador en Xerusalén e Cisxordania. O golpe de Estado do verán de 2007 consumou a división da resistencia nacional palestiniana deixando a Israel as mans libres para martirizar unha Gaza xa desconectada. Porque o ataque actual, sendo o máis duro, non é, nin muito menos, o único padecido polos sufridos gazatíes. En Marzo de 2008 unha incursión do exército xudeu provocou 116 mortos, muitos deles nenos. Daquela o vice-ministro de Defensa, Matan Vilnai, ameazou aos palestinos cunha nova “Shoah”, a palabra hebrea utilizada para se referir ao holocausto perpetrado polos nazis.


Mais os gobernantes europeos andan noutras cousas. Fan outros cálculos. Nin Zapatero nin Sarkozy queren sentir falar de condenar Israel. Quizais porque España, Franza e outros países europeos seguen a lle vender armas e tecnoloxía militar a Israel por valor de máis de 200 M€ anuais. Muitas destas armas están a ser utilizadas estes días contra Gaza.


E claro, tampouco queren saber doutras medidas que son, realmente, as que neste momento cumpren: suspender as relacións comerciais e diplomáticas con Israel e someter o apartheid sionista a un boicot similar ao que, no seu momento, e xunto coa loita da maioría negra provocou a caida do rexime racista de Pretoria.

Carlos Aymerich