4 oct 2009

FLORES DE RAFAH

Miguel-Anxo Murado



O ÉXITO de Israel non consiste en poder entrar a matar en Gaza cando lle pete. O éxito consiste en que, despois da matanza de onte en Rafah, un presidente europeo como Zapatero non se atreva a dicir nada máis que o sucedido é “un camino negativo para la paz”. Máis de trinta mortos en 48 horas, moitos deles nenos que participaban nunha manifestación pacífica, máis de cen casas derrubadas desde a fin de semana pasada... A lingua española ten expresións bastante máis precisas, e seguro que máis contundentes, que a que empregou o presidente español. Pero non se atreveu.

A esas horas, o ministro de Exteriores israelí Silvan Shalom estaba en Madrid. Shalom (que ironía: o seu nome, en hebreo significa “paz”) sorprendeuse de que lle preguntasen por estes nenos de Rafah. “En Rafah hai terroristas” dixo, mentres deixaba un ramo de flores na estación de Atocha. Outra victoria: apoderarse das víctimas do 11-M, cando esas víctimas están no mesmo lugar que os nenos de Rafah.

De feito, tamén os nenos de Rafah descansaban entre as flores. Había xa tantos cadáveres na cidade onte que non cabían na pequena morgue do Hospital e a moitos os levaron ós invernadoiros. Rafah, que a última vez que fun a Gaza era xa case un escombro na area, aínda produce algunhas flores co mesmo espírito que un neno impedido pinta coa boca. Rafah tamén está impedida e mutilada, e tamén é ademais un neno, porque toda Palestina é unha nación de nenos (son a metade da poboación) e por iso non é tan estraño que Israel os mate cada vez que quere matar palestinos.

Abonda ler calquera periódico israelí, onde se fala arreo do “problema demográfico”, para comprender que é ós nenos a quen os israelís consideran o verdadeiro inimigo nesta guerra que Israel libra contra eles e os ventres das mulleres palestinas. Son eles quen un día, de feito, lograrán, coa súa mera supervivencia e a forza do seu número, o que non lograrán nunca as bombas nin as balas: o fin desa triste equivocación que é o Estado étnico xudeu de Israel. Pero non é ningún consolo: de momento aí están, desangrándose no colo dos seus pais que os levan a toda presa para o hospital, despois de que os helicópteros ceibaran os seus mísiles contra eles, como sucedeu onte. Quedou a area marela de Gaza tinguida do seu sangue. Esas son as flores que produce Rafah estes días: os pétalos vermellos dos coágulos da sangue na area.