GALIZA con EXIPTO
Desde Galiza por Palestina queremos facer un chamanento de apoio e solidariedade co pobo exipcio que nestes días esta a loitar pola liberdades políticas e o derrocamento dun réxime corrupto e ao servizo dos intereses do imperialismo.
Pedimos á sociedade galega que manifeste publicamente o seu apoio ao pobo exipcio que, dunha maneira espontánea, saiu á rúa para acabar dunha vez por todas co réxime de Mubarak. É o pobo árabe o que está a pedir un cambio dos sistemas políticos arcaicos, pouco representativos da realidade política e social, uns sistemas herdados do colonialismo europeo e que serven aos intereses das oligarquías e do imperialismo occidental e nunca ás necesidades do propio pobo.
Segundo un informe das Nacións Unidas, máis de 300 persoas morreron nas revoltas.
Os xornalistas en Exipto, tanto locais coma estranxeiros, sofren o asedio das autoridades exipcias e das súas bandas de matóns armados que percorren as rúas na procura de calquera persoa cunha cámara. Os medios de comunicación vense acosados e recluídos en hoteis.
As conexions de teléfono e internet son case inexistentes, non só para impedir que a información saia do país, senón para que o pobo se auto-organice.
A revolta en Exipto non é un feito illado; as repercusións noutros países árabes estanse a notar e este levantamento ten claras repercusións na situación de todo o mundo árabe, en especial na conxuntura política de Oriente Medio.
Non debemos esquecer a situación xeopolítica estratéxica de Exipto con respecto a Palestina. Nos últimos 30 anos o réxime de Mubarak tense vendido aos intereses sionistas, virando as costas ao pobo palestino, contribuíndo substancialmente ao brutal bloqueo de Gaza e convertíndose nun goberno fantoche dos intereses do Estado terrorista de Israel.
O mundo árabe está a vivir un momento histórico e non podemos quedar impasíbeis ante estes cambios.
Por todo isto exiximos ás institucións galegas, do goberno central e da Unión Europea:
- Un posicionamento claro e firme a favor do pobo exipcio e en contra dun réxime totalitario que reprime e utiliza a violencia contra os seus propios cidadáns.
- A defensa da xusta loita do pobo exipcio polos seus dereitos e liberdades democráticas.
- O apoio a un goberno libremente elixido sen intervencionismos neo-imperialistas.
- A condena internacional de Mubarak e os seus aliados e unha investigación dos crimes cometidos nestes días: as mortes de poboación civil a mans de mercenarios e forzas represivas do réxime.
- O seguimento e garantía das liberdades básicas que permitan aos medios independentes informar da situación real do país.
- A axuda internacional ao desenvolvemento, non baseado nos intereses de Occidente: o petróleo, a venda de armas e as fronteiras.
SOLIDARIEDADE COA CAUSA ÁRABE!
VIVA A LOITA DE LIBERACIÓN DO POBO EXIPCIO!!!