28 abr 2010

Palestina: As autoridades israelís deportan ao clown galego Iván Prado
El Progreso
28/04/2010 - Galiciaé

Iván Prado, director do Festiclown (Festival Internacional de Clown de Galicia), foi expulsado de Israel polas autoridades hebreas. Viaxara ao país para seguir coas xestións do Festiclown Palestina 2010, o Primeiro Festival de Clown que terá lugar en Palestina en outubro deste ano. Segundo a propia organización esta expulsión demostra a vontade das autoridades israelís por paralizar devandito proxecto.O artista foi expulsado do país sen ningún tipo de explicación. Chegara o luns 26 ao aeroporto de Ben Gurion coa finalidade de desprazarse ata os territorios palestinos e seguir coas tarefas de preparación do Festiclown Palestina 2010, que se celebrará en Cisxordania.

Xunto con Iván Prado viaxaba tamén Laila T, cidadá española que tamén foi expulsada de Israel, sen ningún tipo de xustificación. Tras máis de seis horas de intensos interrogatorios, ambos foron expulsados do aeroporto e conducidos a un centro de detención de inmigrantes onde pasaron a noite en celas illadas e separadas. Cinco horas máis tarde, e sen pasaportes, obrigáronos a entrar nun avión que os trouxo de volta ao aeroporto de Barajas.

Impunidade para Israel

O Festiclown denuncia que as actuacións das autoridades israelís demostran total impunidade do seu goberno á hora de privar ao pobo palestino de dereitos e liberdades. Neste caso, a expulsión de Iván Prado, obedece ao desexo de boicotear a materalización dun proxecto que incluirá actuacións, visitas a campamentos de refuxiados, accións artísticas contra o muro, talleres, galas e encontros diversos.

Destacadas figuras do panorama artístico internacional apoian o proxecto: entre eles destacan, Leo Bassi e Amparanoia, así como numerosos artístas do mundo do circo e do clown como: Elliot (Bélxica) e Alba Sarraute (Cataluña) ou o mago Jorge Blas (Madrid) quen confirmaron a súa participación no festival.