30 ene. 2009

CONFESIÓNS DUN SOLDADO ISRAELÍ

Confesións dun soldado israelí: "Tratamos os palestinos como animais"

Comezan a surxir na sociedade israelí as primeiras voces contra a guerra. No domingo, unha marcha en Tel Aviv para pedir o final dos bombardeamentos en Gaza e o Líbano. Hoxe, unha noticia que conmocionou a opinión pública: o sarxento Itzik Shabbat anunciou que se negaba a participar na ofensiva contra Beirut, "Fágoo para me opor a esta loucura e para romper coa ilusión de que todos estamos a favor desta guerra innecesaria baseada en mentiras", afirmou este xove reservista de 28 anos que vive en Sderot, cidade próxima de Gaza na cal costuman caer os foguetes Qassam do Hamás.
Achégase a hora do regreso a Gaza. Apreso as últimas entrevistas en Xerusalén. Nun café de Jaffa Road, encóntrome con Yehuda Shaul, fundador da ONG Breaking the Silence (Rompendo o silencio).

"Todo é unha loucura: a ocupación, a forma inhumana como tratamos os palestinos", di. "En Israel entras no exército con 18 anos porque queres loitar contra o inimigo do teu país, porque queres deixar a tua marca na historia, e fas o que che din, sen pensar. E alí todo axuda para non pensares. Misións que cumprir, ordes que seguir".

"E non ves os palestinos como seres humanos, velos como animais. Entras na casa deles durante a noite, despértalos, bérraslles, as mulleres alí, os homes alí, e rompes todo. Son cousas que non farías aquí en Israel, mais falas alí. E para poder facelo, negas a realidade. É a única maneira. Creas entre ti e a realidade un muro de silencio”.


“ Póñoche outro exemplo: se encontras na noite un paquete sospeitoso que pode ser unha bomba, chamas o primeiro mohamed que encontras na rúa e dislle que o abra. Poderías chamar un especialista que o desactivase, demoraría dez minutos en vir, mais mellor facer que un palestino xogue a vida, xa que para ti é o mesmo, non o ves como un ser humano. Eu facía iso cos meus soldados en Hebrón".
“ E tamén en Nablus, cando quería entrar nunha casa, se pensaba que podía haber unha bomba trampa, apañaba o mohamed de turno e obrigábao a que abrise a porta. É parte da rutina do exército: usar os palestinos como escudos humanos”.

“O mesmo cando estás nun check point, obrigalos a esperar moito máis do necesario, ás veces durante horas, e apañas un palestino ao azar e daslle unha malleira de cada quince ou vinte que pasan, para que o resto teña medo e estea tranquilo. Só así, ti que estás con catro soldados mais dominalos a eles que son millares”.
“E cando entras en Gaza co carro de combate e ves un coche novo, ainda que teñas espazo na estrada, pasas por riba. E tamén disparas aos tanques de auga.
Para meterlles medo, para que te respeiten, porque esa é a lóxica do que nos ensinan aos soldados israelís”.


“Ademais, es novo e comezas a desfrutar dese poder, de que a xente faga todo o que lles digas. Es como un video-xogo. Estás nun check point no medio da ruta, tés vinte coches a esperar e con só moveres un dedo fan o que ti queiras.
Brincas con eles. Falos avanzar, retroceder. Vólvelos loucos. Tés 18 anos e sénteste poderoso”.
“Tres meses antes de abandonar o exército, dirixía unha unidade en Hebrón, fixera unha carreira, así que tiña tempo libre. Unha mañá olleime no espello e comprendín que todo aquilo era un erro e souben que non podería continuar á frente coa miña vida se non facía algo. Por iso, así que saín, xuto cos soldados da miña unidade, montamos unha exposición coas nosas fotos, chamábase “Traer Hebrón a Tel Aviv”,


“Caeu como unha bomba na sociedade. Viñeron parlamentarios, xornalistas. Pasaron sete mil persoas. Entón creamos Breaking the silence, onde damos espazo para que os soldados contem os abusos que cometen sistematicamente. Máis de 350 xa o fixeron. Agora temos exposicións e vídeos en Europa, en Israel”.
“Algunha xente di que son casos illados. As nais din: o meu fillo, que está agora no exército é bo, non fai esas cousas, isto só o fan os soldados beduínos ou os etíopes. Mais non é certo. Todos o facemos, porque é a lóxica da ocupación israelí: aterrorizar os palestinos”.


“ Os check points non serven para deter os palestinos de entraren en Israel, é para que a realidade non entre en Israel. Porque esta é unha sociedade de soldados, todos pasamos polo exército tres anos cando somos novos e logo un mes ao ano. E todos facemos iso. Por iso existe o muro de silencio, de negación, porque todos somos responsábeis e non o queremos admitir”.
“ Eles son as vítimas, nós os vitimarios. Mais como vitimarios, tamén pagamos un prezo. Esta é unha sociedade que non se anima a ollar nos ollos a verdade, os seus propios actos. É unha sociedade, como consecuencia, moralmente enferma”.