8 ene 2009

Comunicado para a Xornada Nacional de Mobilización por Palestina (10/01/09)

As persoas participantes nesta concentración queren manifestar o seu rexeitamento máis categórico aos ataques cometidos contra o pobo palestino, e a súa solidariedade total e o seu apoio ca causa palestina.

Chamamos ao pobo galego a sumarse á protesta.

No 2006, Israel, os EEUU, a UE e algúns gobernos árabes, especialmente a ditadura exipcia, non respectaron a decisión dun pobo cando estes estados presumen de ser países democráticos, dende entón Israel, aproveitándose da complicidade dos EEUU, mantén un cruel embargo sobre a Faixa con tráxicas consecuencias para a poboación, mentindo descaradamente cando responsabilizan a Hamás do ataque e da ruptura da tregua.

Foi Israel, quen en ningún momento respectou a tregua; asasinando a máis de...700.....palestinos, entre eles mulleres e nenos, bombardeando hospitais, escolas e barrios civís coa escusa de buscar militantes de Hamás, cando é sabido que Israel dispón de satélites de alta tecnoloxía para a identificación de individuais.

Israel mantén unha política de campos de concentración, co obxectivo manifesto de ter controlada unha poboación, a palestina, ocupar territorios, roubar os seus escasos recursos naturais e destruír infraestruturas; casas; hospitais; centros sociais e culturais, sen respectar o Dereito Internacional nin as bandeiras da ONU.

Queremos denunciar a complicidade do estado español que xunto coa UE, toma parte por Israel, ao acusar ás vítimas da acción dos verdugos. Alén do máis, o goberno do PSOE é cómplice activo ao venderlle ao exército israelí moitas das armas que está a usar.

Esiximos que:

  • Se impulsen políticas activas de solidariedade en favor de Palestina.
  • Se deteñan tódolos ataques e bombardeos.
  • Abran as fronteiras para as axudas humanitarias, especialmente en Rafah, xa que dende o 2006 nin o 10% das axudas enviadas á Faixa de Gaza puideron pasar.
  • A ONU lle outorgue a tódolos representantes lexítimos palestinos, incluíndo Hamás, a oportunidade de sentarse a mesa do diálogo ao igual que Israel.
  • O goberno de ZP rompa as relacións diplomáticas e comerciais con Israel.
  • A Xunta de Galiza se pronuncie contra Israel e en favor do pobo palestino.
  • Se denuncie a venda de armas.
  • Se promova o boicot aos produtos israelís e daquelas empresas que manteñan relacións comerciais con eles.
  • Os medios de comunicación e a prensa internacional sexan neutrais.

ALTO AOS ATAQUES EN PALESTINA

SOLIDARIEDADE TOTAL CO POBO PALESTINO

GALIZA CONTRA A AGRESIÓN