Amigos e amigas:
Todas e todos sabedes ben o que sucede hoxe en Palestina, todos coñecedes a situación actual de Gaza, máis dun millón catrocentos mil palestinos encerrados nun gueto rodeado por un muro de aceiro e formigón armado e vixiados por un dos exércitos máis poderosos do mundo, que asasina semanalmente a cidadáns palestinos no seu propio país, que impide dun xeito inhumano e absolutamente bárbaro que os enfermos cheguen ás clínicas onde poderían ser atendidos (nos últimos días máis de 73 enfermos morreron nos controis israelís), que ten a poboación da Faixa de Gaza infraalimentada (máis do 70 por cento dos gazatís están por debaixo do nivel de nutrición axeitado, é dicir, pasan fame), que prohibe o desenvolvemento normal da economía e da vida (máis do 70 por cento de paro).
Agora os sionistas dan un paso máis para acabar coa poboación palestina (eles coma os nazis van pouco a pouco cara a solución final), como nin así morren, como nin así se renden, córtanlle a auga e a electricidade, impiden o seu comercio co exterior, evitan que a axuda internacional (incluso das Nacións Unidas) chegue á xente. Palestina desespérase, pero non se rende.
A “comunidade internacional”, é dicir, o imperialismo e o colonialismo dos Estados Unidos e de Europa, o noso goberno, axudan a Israel a violar o Dereito Internacional, incluído o Dereito Internacional Humanitario. Os “demócratas” din que o goberno electo democraticamente en Palestina non lles serve, tampouco lles serviu o que os palestinos escolleron antes e que eles patrocinaban simplemente porque ningún goberno palestino leva no seu programa un suicidio en masa de toda a súa poboación para deixarlle o seu país ós sionistas.
Mentres os bebés de Gaza morren por falta de auga, atención médica ou incubadoras, nós os europeos financiamos aos asasinos mantendo o 63 por cento do seu comercio exterior, negando o pan e a sal a poboación civil palestina mentres financiamos o estado e o goberno que cada semana decide quen vai matar nos Territorios Ocupados comprándolles millóns de euros en armamento, sancionamos o programa nuclear de Irán porque pode chegar a ser perigoso pero non o programa nuclear israelí que xa o é, castigamos a países que fabrican foguetes que poderían chegar aos nosos países pero aplaudimos que Israel teña misís que xa alcanzan todo o territorio iraní..... e case todo o europeo, incluída Galiza. Curiosamente, os iranís nunca violaron o Dereito Internacional, os israelís o fixeron tódolos días dende o nacemento do seu Estado.
Os e as que estamos aquí non estamos de acordo con esta situación, por iso nos concentramos, para dicir ós dirixentes políticos do goberno español que estamos fartos, que queremos que isto acabe, que non queremos que se permita un día máis que os sionistas violen os dereitos humanos, que queremos sancións inmediatas contra Israel, o fin da súa impunidade, e o fin do comercio con eles, tanto no eido civil como no militar.
É o único que podemos facer agora para aliviar a situación dos palestinos, especialmente da xente de Gaza, pero o 9 de marzo poderemos facer máis.
Agradecemos a vosa presenza aquí e vos pedimos, que antes de marchar, fagades con nós un minuto de silencio polas vítimas dos sionistas no gueto de Gaza, como en outras ocasións o fixemos moitos de nós polas vítimas dos nazis no gueto de Varsovia, e prendades unha luz mentres tanto, a luz que non hai hoxe en Palestina. Moitas gracias.
Compostela, 31 de xaneiro do 2008
Galiza por Palestina. Apdo.:2083. 15080 A Coruña. galizaporpalestina@hotmail.com. http://galizaporpalestina.blogspot.com
1 feb 2008
Comunicado de GXP na Concentración de Santiago
Texto íntegro do comunicado leído pola compañeira Pilar Pereira, durante a concentración en solidariedade có pobo palestino convocada por Galizia Por Palestina en Santiago de Compostela. Tras a lectura do comunicado, encendéronse duceas de velas, como símbolo da soliedaridade do pobo galego coas víctimas da ocupación sionista, e despoís agardamos un minuto de silencio.