2 dic 2007

Nace a Asociación Galiza por Palestina





A asociación Galiza por Palestina deu a coñecer en Santiago o seu carácter de portal de solidariedade coa nación ocupada e exiliada nun acto que contou co respaldo de nacionalistas e partidos de esquerda. A presentación tivo como centro un discurso do representante da Organización para a Liberación de Palestina (OLP) Mohamed Safa no auditorio do Hotel Araguaney.
Para Safa, o camiño da paz non está franco despois da desaparición de Iasir Arafat como anticipaban os media occidentais porque o interlocutor dos palestinos é un Estado que depende da tropa de ocupación para manter os seus argumentos de democracia.
Despois da frustración das intermitentes propostas de paz promovidas nos últimos 40 anos a pregunta é cal é o contido do debate da paz nesta hora na que o discurso dominante traslada a Palestina a responsabilidade plena do acordo mentres elude citar os colonos, a preminencia da industria militar e a mensaxe de violencia preventiva. Despois do 11 de setembro a loita do pobo palestino perdeu especificidade, no criterio do representante da OLP, e foi integrada no contexxto dunha batalla xeral contra o terrorismo.
De feito, a humillación colectiva, o racismo explícito que nega á resistencia árabe carácter político e o esforzo da propaganda o que trata é de negar a orixe mesma do conflito. Cando non se quere a paz o mellor é presentar unha iniciativa de paz, interpreta Mohamed Safa ao recontar 84 propostas de paz na historia contemporánea de Palestina. A aspiración de Palestina é un espazo de liberdade. Coa discusión sobre o territorio concreto trata de eludirse a substancia da soberanía palestina, recortada polo muro, a desposesión sistemática e a humillación diaria de 365 pasos controlados que fan imposíbel a vida.Na mesa da primeira reunión de Galiza por Palestina sentaron Maribel Álvarez, en representación da organización, Al Jaber, da Fundación Araguaney; Harim Kassem da Asociación de Amizade Galaico-Árabe e o citado Mohamed Safa amais de Tareixa Navaza, que actuou como moderadora.
http://www.anosaterra.com/documentos/central_interior.php?pagina_actual=mundo&numero=1161