5 oct 2009

ISRAEL, VERDADES INCÓMODAS

Miguel-Anxo Murado



UN DOS efectos do conflicto palestino-israelí é que distrae da atención do propio Israel, onde se atopa a clave para comprender non só o tal conflicto senón tamén por que semella imposible resolvelo. A ocupación e a violencia son tan terribles que poucos reparan no tipo de réxime que existe en Israel mesmo. Así, o cliché de que “polo menos” Israel é a única democracia de Oriente Medio acéptase sen máis. Trátase dunha afirmación cando menos discutible e que merece o repaso dalgúns aspectos delicados dun país moito máis singular do que xeralmente se cre.

Se por democracia entendemos a existencia dun sistema pluripartidista, eleccións e separación de poderes, Israel sería, efectivamente, unha democracia, como tamén o serían Irak, Líbano ou Iemen. Se adoptamos unha definición máis estricta, sen embargo, eses países caerían da lista. Israel incluído.

Dúas clases de cidadáns israelís

Sesenta anos despois da súa creación, o certo é que en Israel segue sen haber igualdade perante a lei. A nacionalidade está reservada exclusivamente ás persoas descritas como “xudeus” en termos estrictamente xenéticos: un xudeu é un descendente de xudeus, non unha persoa nada no Estado xudeu. O 20% restante da poboación (armenios, circasiáns e sobre todo árabes) tan só ten cidadanía, unha categoría legal inferior. Estes árabes israelís (que non se deben confundir cos palestinos) poden votar, pero teñen limitados os seus dereitos en moitos aspectos. Por exemplo, non poden residir libremente no territorio do seu propio país. Isto débese a que o 97% do chan do país pertence ó Estado (foi a terra confiscada aos palestinos deportados en 1948) e está prohibido alugala ou vendela a outros israelís non-xudeus. É fácil identificar a uns e outros porque o DNI describe obrigatoriamente a “etnia” do cidadán: “musulmán”, “cristián”, ou mesmo “xudeu novo” cando se trata dun converso.

O matrimonio entre persoas de distintas relixións está, por suposto, totalmente prohibido pola lei. No caso dos árabes-israelís, estes non poden casar tampouco con outros árabes de determinados países, como Palestina ou Siria (aínda que os xudeus si poden facelo con xudeus deses mesmos países). Esta desigualdade legal, que se estende a moitas outras esferas, non só non diminúe co tempo senón que se vai agravando co paso dos anos, con leis cada vez máis restrictivas para os cidadáns non xudeus do Estado. Para engadir inquedanza, é xa habitual que dirixentes políticos (ministros incluídos) fagan declaracións chamando abertamente á “transferencia” (deportación) dos cidadáns non xudeus.

¿Un estado laico?

Outro erro moi común é crer que Israel é un estado laico. Tal descrición non figura en ningún lugar do ordenamento xurídico de Israel, que sesenta anos despois da súa creación aínda carece de constitución escrita. Os feitos son que en Israel non existe matrimonio nin enterramento civil, só relixioso, e numerosos aspectos da vida cotiá están rexidos polas leis rabínicas dun xeito non moi distinto a cómo algúns países musulmáns incorporan o Corán á súa lexislación. Esta tendencia tamén se vai reforzando co tempo e a presenza de rabinos fundamentalistas no goberno é unha constante desde hai xa moito tempo.

A condición da muller é moi preocupante neste ámbito dos xudeus fundamentalistas, que lonxe de constituír unha minoría comprenden aproximadamente o 20% da poboación. Por contraste, tan só outro 20% dos israelís decláranse “laicos”. O 60% restante confésase relixioso en diversos graos, o que mostra o cadro dunha das sociedades occidentais nas que a relixión ten maior preponderancia social e política. A imaxe popular do país do kibbutz socialistas é un mito: nestas comunas (sempre prohibidas aos árabes-israelís) nunca residiu máis dun 4% da poboación e hoxe practicamente non existen. Canto á ideoloxía dominante no país, as eleccións mostran nos últimos trinta anos un constante escoramento cara a dereita e a extrema dereita, unha tendencia que comezou no período máis pacífico da relación cos palestinos e os seus veciños árabes. Isto é así ata o punto que partidos como Kadima ou Likud, indiscutiblemente pertencentes á dereita radical, áchanse agora no centro do espectro político. Máis á súa dereita atópanse organizacións fundamentalistas como o Partido Nacional Relixioso, a Unión da Torá polo Xudaísmo ou Shas, así como outras forzas declaradamente racistas, como a Unidade Nacional, todas elas parte das maiorías gobernamentais.

Este dos partidos políticos é outro exame que a democracia israelí non pode aprobar. Tecnicamente, non existe liberdade de asociación, posto que están prohibidos os partidos que non acepten o “carácter xudeu” do Estado. Ata os anos oitenta os árabes israelís non podían nin sequera concorrer ás eleccións con listas propias. Tampouco se pode afirmar taxativamente que haxa liberdade de expresión en Israel, xa que, aínda que non moi aplicada, segue a haber censura militar previa. Isto fai que a auto censura sexa unha práctica habitual entre os xornalistas israelís. Canto á xustiza, e deixando a parte outras anomalías, a lei permite a tortura baixo o eufemismo de “presión física”.

Son estes tan só uns poucos exemplos do lonxe que está aínda Israel de poder ser considerado como unha democracia, algo esencial para resolver os conflictos de Oriente Medio. E logo están os Territorios Ocupados...