4 oct 2009

INOCENCIA

Miguel-Anxo Murado


ESTE OFICIAL do exército israelí que acribillou a balazos o corpo dunha nena palestina en Gaza non fixo nada reprobable nin contrario á Ética. Así o acaba de determinar unha investigación interna do propio exército israelí, unha das poucas que se teñen iniciado por incidentes como este ou moito máis graves.

Ética. Hai palabras que, segundo que as pronuncie, vólvense irrecoñecibles. Repasemos brevemente os feitos, que xa son coñecidos: Iman al-Hams era unha nena árabe de trece anos ,do campo de refuxiados de Yabalia, que se perdeu en medio da néboa e foi dar a un posto de control do exército israelí. Naturalmente, botou a correr de contado. Os soldados, considerando sospeitoso este comportamento, tiraron a matar. E mataron. Entón, este oficial achegouse a inspeccionar o corpo da pequena, e algo debeu ver naquel vulto de inocencia e morte que o impulsou a baleirar nela o cargador completo da súa arma.

Este home non foi nin vai ser xulgado. Durante uns días apartárono das súas funcións. Pero non por esnaquizar o corpo da nena, senón por poñer en risco a súa propia vida ó saír do posto de vixilancia. En todo caso, este castigo considerouse excesivo, e o capitán R. está de novo albiscando presas entre a máxica néboa de Gaza. Que agora o exército diga que o que fixo non está mal non me escandaliza especialmente, compréndoo. Despois de todo, ¿que outra cousa fai ese exército máis que disparar contra un pobo desesperado e asustado ó que previamente se considerou sospeitoso? ¿Non é Palestina o corpo dunha deitado entre as oliveiras ó que outro país enteiro segue rematando no chan?

Unha vez, aló en Palestina, tocoume cubrir unha noticia pequena pero triste: un pelotón israelí asaltara unha escola cristiá palestina preto de al-Khader. Entre outras cousas, os soldados entretivéranse pisoteando ferozmente os debuxos dos nenos de párvulos. “¿Que pode ver alguén de odioso o debuxo dun reloxo que sorrí e explica as horas?” preguntábame a profesora, conmovida. Pero a min a resposta pareciame obvia: que ese debuxo representa a inocencia, unha inocencia que ofende.

A pequena Iman. Como debía de ser fermoso o seu rostro, mesmo enguedellado xa na morte, cantísima inocencia radiante debía desprender aínda, para que este oficial sentise a necesidade de usar tantas balas para borralo deste mundo.