5 ene 2009

CONVOCATORIA NACIONAL POR PALESTINA

Ante as distintas xuntas convocadas en varios lugares de Galicia para organizar manifestacións de solidariedade co pobo palestino, Galiza por Palestina quere manifestar o seguinte:

1) Seguimos apoiando todas as manifestacións e mostras de solidariedade que o pobo galego realice cara o pobo heroico de Palestina. Agradecemos e impulsamos, na medida das nosas forzas, todas e cada unha delas.

2) Acudiremos ás xuntas locais para organizar as mostras de solidariedade sempre que poidamos facelo. A nosa intención é sumar esforzos e evitar un certo caos na organización destes a petición de moitas das persoas e organizacións participantes nas mesmas.

3) Mantemos a convocatoria de xunta nacional en Santiago de Compostela para o mércores, día 7 de xaneiro, ás 19’00 horas na Galeria Sargadelos da rúa Nova.

4) Sabemos que hai xuntas ese mesmo día e a horas similares, sabemos tamén que tais xuntas foron convocadas de boa fe, non coa intención de boicotear outras, e que a causa das coincidencias é a urxencia e gravedade da situación en Palestina, polo que, para facilitar a coordenación entre todos, propoñemos que de non ser posible unha única manifestación nacional galega contra o ataque sionista a Gaza, cando menos se concentren as distintas manifestacións locais nun mesmo día para darlle unha maior repercusión popular e mediática como xornada de mobilización nacional en solidariedade con Palestina.

Agardamos a vosa presencia e agradecemos que difundades no posible este comunicado.

Galicia, 5 de xaneiro do 2009