11 oct 2008

Morreu a nosa compañeira Maha Nassar

Acabo de recibir unha desas chamadas telefónicas que nunca queres ter, a que anuncia a marcha dun ser querido. A nosa compañeira e amiga, Maha Nassar, morreu hoxe tras varios anos de loita contra o cancro.


Loitou moito, xa enferma veu a Galicia a traer máis proxectos de colaboración con Palestina, sempre tranquila, traballadora e firme na súa labor constante de axuda as mulleres e nenos palestinos; na denuncia da terrible e inxusta situación que está a vivir o pobo palestino.

A miña relación con Maha Nassar está vinculada ao inicio de Galiza por Palestina, foi a primeira campaña de encontros e charlas que organizamos. Sorprendeume a súa tranquilidade, o aforro de enerxía de quen sabe que a súa loita é unha carreira de fondo e hai moito que facer. Para min, escoitala foi unha clase de exercicio político e social, unha mestra como traballadora, política e como muller. Non é doado expresar a boa relación que se estableceu desde o comezo, a complicidade cun xesto ou unha ollada. Un pracer traballar con ela, un luxo considerala unha amiga.

A última despedida foi na saliña da miña casa, onde improvisamos un acto de entrega da axuda recadada polo Festiclown para as nenas e nenos palestinas. Lembro perfectamente o seu agradecemento e a nosa emoción, as bágoas de Nerea e Mari, que hoxe tamén choran por ela. O seu ánimo a seguir loitando e o convencemento de que Palestina vencerá quedará sempre comigo, prometinlle que o noso seguinte encontro sería en Palestina. Non poderei cumprilo, pero seguirei traballando para que Galiza sexa máis solidaria con Palestina e seguirei preparándome para o día no que por fin poda ir a Palestina. Xa a coñezo e a levo dentro, só me falta visitala.

Como ben dixo Mari : “Non puideron con ela, tivo que ser o cancro o que a levou”.

Angela
GxP