5 dic 2010

100 videocámaras palestinas para evidenciar os abusos dos colonos e o exército de ocupación israelí

Un neno israelí dun grupo de colonos de extrema dereita da cidade cisxordana de Hebrón lanza unha pedra ás escaleiras de unha familia palestina que vive preto do seu asentamento e grita: "Exterminareivos!". Outro cóspelles.

Outra colona achega a cara a unha xanela para insultar chamando puta en árabe a unha muller da familia.

Son imaxes chocantes, golpes e sobas, as súas consecuencias e a indiferenza ou colaboración das forzas de seguridade israelís ante violacións moi graves dos dereitos humanos. As propias forzas de seguridade humillan, golpean e cometen abusos cos palestinos.

Estas imaxes pertencen a un arquivo xestionado pola organización israelí polos dereitos humanos B'Tselem, dun interesante proxecto chamado "Shooting Back".

O grupo forneceu en 2008 con case 100 cámaras a vulnerábel poboación palestina de Hebrón, do norte de Cisxordania e doutros lugares, para documentar e recoller evidencias dos habituais asaltos e comportamentos abusivos dos colonos.






Yifat Alkoby, unha colona do asentamento xudeu de Tel Rumeida (Hebrón, Palestina) foi apañada a acosar unha muller e nenas da familia veciña Abu-'Ayeisha. Estes foron forzados a construíren unha gaiola á volta da casa para se protexeren dos repetidos ataques dos colonos xudeus.