1 jun 2010

MANIFESTO DE APOIO Á FROTA FREEDOM GAZA

A actual intervención do exército israelí en augas internacionais ao atacar a frota de “Freedom Gaza”, asasinando alrededor de 20 activistas internacionais, non é máis que a continuación da política de exterminio de todas e todos aqueles que amamos a liberdade e defendemos o cumprimento dos dereitos humanos do pobo palestino. Política que o sionismo ven practicando desde que logrou que o peor imperialismo europeo e norteamericano inventase o Estado de Israel.

A pequena frota xa avisara hai semanas sobre as continuas ameazas israelís aos barcos, enviáronse mensaxes e comunicados vía internet e polos medios de comunicación, explicando a gravidade da situación en que se encontraban os barcos de “Freedom Gaza”, lamentabelmente , a comunidade virou as costas.

Estes asasinatos producíronse entre unhas 75 e 100 millas da costa en augas internacionais, violando así o Dereito internacional desde o comezo. O acontecido nesta madrugada mostra que o xenocidio perpetrado por Israel está a expandirse alén de Palestina, onde asasinaron arredor de 20 activistas que viaxaban no buque turco Mavi Marmara. As 750 persoas que fan parte do convoi humanitario que viaxaba cara á Faixa de Gaza co obxectivo de pór fin ao proceso progresivo e dramático de aillamento que está a sufrir a poboación de gaza desde hai mais de 4 anos e nos cales se transportaban 10.000 toneladas de material humanitario.

En ningún caso a morte de civís está xustificada, nin a violación sistemática dos dereitos humanos, nin a ocupación militar dos Territorios Palestinos, nin a vulneración permanente do Dereito internacional. Ante estes feitos, consideramos que o Estado de Israel non ten calquera lexitimidade, apoiámonos nas xa 26 resolucións da ONU que Israel ten violado sistematicamente.
O Estado español, a UE e a comunidade internacional no seu conxunto, son cómplices do sionismo e o masacre cometido nesta madrugada contra pacifistas que o seu único delito foi crer na liberdade e levar axuda humanitaria á poboación palestina condenada a vivir baixo condicións infrahumanas.

O Estado español, a UE e a comunidade internacional están obrigados moralmente e politicamente a impor a Israel o respecto escrupuloso do Dereito internacional que eles mesmos crearon e ratificaron, con toda firmeza deben impor sancións a aqueles estados que non o cumpren e non poden ofrecer impunidade a estados infractores como Israel.
Desde logo non podemos continuar a tolerar que Israel continue a ocupar os Territorios Palestinos, que continue o masacre da poboación civil palestina, non podemos continuar a tolerar a expansión da sua soberanía por todo o mundo, non podemos tolerar que se continúe a manter o comercio militar co Estado de Israel como fai España, armas coas cales Israel acabou de atacar a frota “Freedom Gaza”.

Galiza está co pobo palestino e con todas aquelas persoas capaces de mostrar solidariedade coa causa, apoia e recoñece o dereito do pobo palestino á súa existencia e de ter un estado propio, a escoller libremente a súa representación e que esta sexa recoñecida pola comunidade internacional e apoia o regreso das refuxiadas e refuxiados palestinos aos seus lares.

Galiza non pode deixar de esquecer as vítimas de Gaza no ataque Chumbo fundido de hai un ano e medio, Gaza foi atacada con violencia e crueldade sen límites durante as últimas semanas de 2008 e as primeiras do ano 2009, ante o inconmovíbel ollar internacional. Este ataque supuxo o asasinato de 1.440 persoas, das cales 431 eran nenas e nenos e feriu mais 5.380, ao tempo que provocou a destrución de 22.000 infraestruturas en Gaza.

Galiza reclama a persecución ante os tribunais internacionais dos crimes de guerra e crimes contra a humanidade dos cales Israel ten sido acusada en diferente invetigacións da ONU.
Cada un e cada unha de nós podería ser un dos millares de humanos que morreron defendendo a liberdade de Palestina e cada un de nós leva en si mesmo a responsabilidade do silencio.
Por todo isto, facemos un firme e urxente chamamento:

1. Ao cesamento inmediato do asedio e crimes de guerra contra a poboación de Gaza.

2. Á ruptura de relacións diplomáticas e comerciais do goberno español co Estado de Israel ( a potencia ocupante). Así como o cesamento total dos acordos estatais e galegos e intercambios militares con este Estado.

3. Á non actualización en primeiro termo e a posterior suspensión do acordo de asociación UE-Israel, cunha posición activa e comprometida cos Dereitos Humanos por parte dos nosos gobernos.

4. Aos gobernos europeos e especialmente ao goberno do Estado para que asuma a súa obriga de fazer cumprir as resolucións das Nacións Unidas así como as obrigas establecidas no ditame do Tribunal Internacional de Xustiza que declara a ilegalidade do Muro.

5. Á creación pola Unión Europea dun comité ou tribunal especial que investigue as violacións cometidas por Israel no relativo aos Convenios, o Dereito internacional e no específico sobre o réxime de apartheid, así como as súas violacións da IV Convención de Xenebra e Crimes contra a Humanidade na súa campaña de illamento e xenocidio contra o millón e medio de persoas que viven na Faixa de Gaza.

6. Á cidadanía en xeral, e todas as institucións locais, estatais e europeas a adheriren a campaña internacional de boicot, desinvestimentos e sancións (BDS), como ferramenta de loita contra a ocupación, o apartheid e a opresión exercida por Israel contra o povo palestino.

7. Á comunidade internacional, baixo o auspicio da ONU, que traballe realmente por unha nova realidade en Oriente Medio, baseada na paz, a xustiza e a liberdade, con especial fincapé no dereito de regreso dos refuxiados, e que estableza sen máis dilacións, a creación dun estado palestino viábel con capital en Xerusalém Este.


Alto á agresión!!!
Viva a solidariedade internacional e defensa dos dereitos humanos!!!
Viva Palestina!!!


Galiza, 1 de xuño do 2010