As revolucións atlánticas de finais do século XVIII iniciaron o proceso de concesión da igualdade xurídica á poboación xudía de Europa Occidental, o proceso se inicia coa Declaración de Dereitos de Virxinia en 1776 e a Declaración de dereitos do home e do cidadán en 1789. En 1791 a Asemblea Nacional francesa concede os dereitos civís a todos os xudeus que presten xuramento como cidadáns e desde ese momento, e a pesares de retrocesos temporais no proceso, a situación de normalización desta minoría relixiosa ampliase en toda a zona ata a plena igualdade de dereitos acadada no século XIX (coa excepción de Portugal que a decretará en 1910). Dende ese momento a poboación xudía constitúe unha minoría relixiosa máis nun sistema político liberal e capitalista que recoñece sen grandes problemas a liberdade relixiosa.
A situación en Europa Oriental é moi diferente, nos territorios baixo dominio do Imperio Otomano a poboación xudía vive nunha situación de relativa tolerancia mentres nas zonas baixo dominio do Imperio Ruso a desigualdade xurídica persiste, as leis impoñen a discriminación e as persecucións e as masacres son frecuentes, os pogroms de 1881 e de 1882 en Rusia, Ucraína e Polonia foron especialmente numerosos e bárbaros provocando a emigración de miles de xudeus cara América e Europa Occidental e unha reacción dalgúns dos intelectuais xudeus que propoñen a creación dunha patria para os xudeus oprimidos .
Europa Occidental está no ultimo terzo do século XIX en plena expansión imperialista, as grandes potencias europeas colonizan practicamente todo o mundo e, xunto á ocupación política e militar do territorio, expanden unha ideoloxía nacionalista e reaccionaria con base no darwinismo social e que sostén a superioridade racial europea, especialmente aria, xermana ou anglosaxoa, sobre os demais pobos o que xustificaría o dominio europeo sobre o mundo co fin de civilizalo. Ao mesmo tempo que hai un proceso de asimilación das minorías dentro dos estados liberais, medra un nacionalismo excluínte baseado nas ideas da loita de razas de Gobineau e Chamberlain que adopta posicións marcadamente antisemitas e levan a intelectuais xudeus a conectar coas ideas e organizacións xudías procedentes de Europa Oriental.
Un deses intelectuais, o periodista vienés Theodor Hertzl, escribe en 1896 un libro titulado Der Judenstaat (O Estado xudeu) no que trata o problema xudeu como unha cuestión nacional e non como un problema socio-relixioso e, adoptando as ideas máis reaccionarias dos nacionalismos europeos, propón solucionar a cuestión xudía coa creación dun estado nacional nun territorio baixo dominio estritamente xudeu Ao mesmo tempo que publica o seu libro, Hertzl funda o Movemento Sionista e, en 1897, reúne en Basilea o Primeiro Congreso Mundial Sionista que pon as bases para unha ríxida e disciplinada organización política sionista e determina que o futuro fogar nacional dos xudeus debe ser Palestina.
A reacción da maioría dos grupos e intelectuais xudeus europeos foi contraria ás propostas sionistas. Para os xudeus liberais partidarios da asimilación nos seus países as ideas sionistas reforzaban ás ideas do nacionalismo reaccionario e antisemita dos distintos países europeos que negaban a posibilidade de que os xudeus fosen auténticos patriotas xa que, dicían, no fondo querían unha nación xudía Para os xudeus progresistas, basear en conceptos relixiosos a definición de nación era fondamente reaccionario e so podía levar a a un estado racista e xenófobo.
Pese a todo, as potencias europeas, acolleron con agrado a nova teoría e apoiaron a organización e expansión do sionismo. O gran éxito de Hertzl consistiu en facer coincidir os intereses do sionismo cos do imperialismo, moi especialmente cos intereses do imperialismo inglés. Dende o primeiro momento, Hertzl insistiu en fixar a sede do movemento sionista en Londres e buscar o apoio británico para o seu proxecto de colonización de Palestina. Todos os países europeos viron no sionismo unha posible solución para o problema que supoñía o medre continuo da emigración xudía de Europa Oriental, ademais propoñía a creación do estado xudeu fora de Europa e, concretamente, en Palestina, un territorio cunha crecente importancia estratéxica para o control do Oriente Medio e que, a finais do século XIX, estaba baixo dominio do Imperio Otomano. Ese estado xudeu levaría aos refuxiados do leste, crearía unha entidade artificial nun territorio alleo estratexicamente situado para facilitar o control das rutas comerciais que pasaban polo canle de Suez e o Mediterráneo Oriental, situaba unha base política e militar permanente nun territorio que o petróleo transformaba en estratéxico para o desenvolvemento do capitalismo mundial e, como estaba rodeada por poboación árabe pouco desexosa de cambiar a ocupación turca por outra occidental, fondamente dependente da alianza cos seus patrocinadores imperialistas. A alianza reaccionaria e colonialista entre o imperialismo europeo e o sionismo é a marca de nacemento do Estado xudeu
Os primeiros militantes sionistas chegaron a Palestina e compraron terras aos terratenentes locais aproveitándose da corrupción da administración turca na zona. Moi pronto, as granxas dos colonos xudeus estiveron na ruína e só a intervención do banqueiro sionista Edmond Rothchild lles permitiu sobrevivir. Para evitar novos fracasos, Hertzl creou en Londres o Comité Colonial Xudeu e o Banco Colonial Xudeu para organizar e financiar a segunda ondada de colonos sionistas que chegou a Palestina entre 1905 e 1907 e na se incluía o sionista polaco David Gruen, alcumado David ben Gurión . Para evitar a integración coa poboación local e a deserción das filas sionistas, a nova organización dos asentamentos coloniais xudeus en Palestina adoptará a forma de granxas colectivas exclusivamente xudías, os kibutz . Ben Gurión imporía que os asalariados desas granxas foses exclusivamente xudeus e organizou un grupo paramilitar sionista en cada unha delas, o hashomer, que pouco despois se convertería no Haganáh, o principal brazo armado do movemento sionista. En 1908 os colonos sionistas logran construír a primeira barriada exclusivamente xudía, Tel Aviv, preto da cidade palestina de Gafa
A xudeización de todos os postos de traballo nas terras e barrios adquiridos polos sionistas e a presenza de milicias formadas por estranxeiros armados provocaron o receo da poboación nativa que enviou protestas e delegacións a Istambul para explicar a situación e esixir o fin da colonización xudía en Palestina, pero a decadencia do Imperio Otomano e a corrupción dos seus dirixentes e administradores impediu calquera solución ao problema.
Cando en 1914 comeza a Primeira Guerra Mundial, o Imperio Otomano loitará xunto a Alemaña e Austria-Hungría contra Gran Bretaña e os seus aliados. Tras sonoros fracasos na fronte turca, os aliados encabezados polos británicos optaron por contactar cos principais líderes árabes co fin de atraelos ao seu bando debilitando aos turcos no seu propio territorio. O representante da coroa británica en Exipto, Henry Mac Mahon, estableceu un acordo co máis destacado dirixente árabe, o emir Hussein de A Meca, prometéndolle o califato e a independencia de toda a zona árabe de Asia (as actuais Siria, Líbano, Palestina, Xordania, Iraq e o norte da Península Arábica). Os árabes subleváronse contra os turcos. Ao mesmo tempo que prometían a liberdade aos árabes, Francia e Gran Bretaña se repartían entre as dúas o dominio de toda a zona árabe asiática e o ministro de asuntos exteriores británico, Lord Balfour, firma unha declaración prometendo a creación dun fogar nacional para os xudeus en Palestina co fin de gañar o apoio do poderoso lobby sionista norteamericano para que os Estados Unidas entraran na guerra en favor dos aliados. O presidente Wilson, que gañou as eleccións prometendo que os estadounidenses nunca participarían na guerra europea, declarou a guerra aos Imperios Centrais.
As tropas do xeneral Allenby entraron en Palestina o 11 de outubro de 1917, iniciando deste xeito o control británico da zona, aínda que habería que agardar ao 24 de xullo de 1922 para que o Consello da Sociedade de Nacións legalizase a situación ao confiar oficialmente o mandato de Palestina a Gran Bretaña. O decidido apoio británico e norteamericano ao movemento sionista impulsou a colonización xudía e aumentou os privilexios dos colonos sionistas en Palestina ao tempo que frustraba as aspiracións nacionais árabes, provocando o inicio de fortes protestas populares, a primeira de gran importancia, en abril de 1920 , esmagada sen contemplacións polas tropas británicas e os seus auxiliares das milicias sionistas. Ante a inestabilidade da situación os militares británicos encargados da administración de Palestina enviaron informes ao seu goberno recomendando poñer fin a colonización xudía, foron inmediatamente substituídos. O seu sucesor, Louis Bols enviou un informe no mesmo sentido en marzo de 1919, foi cesado do seu cargo. Finalmente os británicos enviaron como Alto Comisionado Civil para Palestina ao xudeu sionista inglés Herbert Samuel, a identificación entre colonialismo xudeu e ocupación británica quedou clara entre a poboación palestina.
Entre 1924 e 1929 a presión colonizadora sionista baixou e moitos xudeus abandonaron Palestina. O fin da crise de posguerra e os felices anos vinte mantiveron e fixeron volver aos seus países a moitos colonos xudeus e houbo unha certa tranquilidade na zona ata 1929 cando, dotados de novos planos de colonización e nova financiamento, os sionistas iniciaron unha nova ondada colonizadora. A provocación inicial foi en agosto dese mesmo ano, un grupo de sionistas fanáticos tomaron o Muro das Lamentacións, en pleno barrio árabe, izaron a súa bandeira, cantaron o seu himno e insultaron ao Islam. Á semana seguinte, festa do nacemento de Mahoma, empezaron os enfrontamentos entre colonos e palestinos que se estenderon por todo o territorio. Paus e pedras contra as armas de fogo dos colonos sionistas e británicos ocasionaron 300 mortos, 500 feridos e 1000 detidos. A administración británica tivo que pedir reforzos militares á metrópole.
Despois do masacre os británicos intentaron calmar a situación sen tocar ningún dos privilexios sionistas pero a Gran Depresión primeiro, e o ascenso dos nazis ao poder en Alemaña despois, aumentou por miles o numero de refuxiados xudeus en Europa e as presións dos países receptores sobre Gran Bretaña para que se lles abrisen as fronteiras de Palestina: 150.000 xudeus centroeuropeos invadiron o país. Dende 1923 a 1937 o número de colonos sionistas en Palestina pasou de 75.000 a 415.000. A presión sobre os árabes, sobre as súas terras e sobre os seus postos de traballo desencadeou a gran insurrección palestina de 1936. Para esmagala foi necesaria unha estreita colaboración militar entre británicos e xudeus, a formación da policía nacional xudía, a intensa e tolerada acción dos grupos terroristas xudeus e a colaboración dunha boa parte da dirección política árabe e palestina.
A segunda guerra mundial obrigou aos británicos a neutralizar as tensións cos árabes para atraelos ao seu bando, e o fixeron aparcando os planos de partición de Palestina en dous estados que viñan madurando dende 1937, ademais frearon a emigración xudía, aplicaron un control estrito sobre a venta de terras e propuxeron un plano para a independencia de Palestina cun só estado e unha soa constitución. A maioría dos sionistas, aterrados ante a barbarie nazi, aceptaron a nova situación e agardaron a que o perigo pasase.
E pasou, en 1942 a dirección sionista era consciente de que os nazis nunca chegarían a Palestina e que a derrota de Hitler era cuestión de tempo, e readaptaron a súa estratexia. Convencidos de que o principal factor que impedía a creación do seu estado era Gran Bretaña, unha vez finalizada a guerra decidiron apremar aos británicos para que abandonasen o país, reclamaron a posesión de toda Palestina para o futuro estado xudeu e substituíron a súa alianza preferente co vello e esgotado imperialismo inglés por outra cos Estados Unidos, nova cabeza reitora do imperialismo mundial. O terrorismo sionista centrou os seus ataques nos británicos e, pese a que a resposta represiva destes non foi parella á aplicada aos palestinos no 36, asustou aos líderes sionistas, permitindo a Ben Gurión impoñer na dirección do movemento a súa idea de aceptar, cando menos temporalmente, a partición de Palestina en dous estados. A partición que propoñían era que os xudeus se quedarían con toda Palestina coa excepción de Cisxordania e Gaza.
Naturalmente, tal partición implicaba unha necesidade nova, eliminar o principal problema que se podía opoñer a un estado xudeu homoxéneo tras a retirada británica: o pobo palestino. Ben Gurión é consciente do problema dende 1937 e encarga á Haganáh un plano para a toma e limpeza étnica de Palestina. Finalmente, o 10 de marzo de 1948, unha xunta de dirixentes sionistas encabezados polo propio Ben Gurión, aproba a cuarta versión de dito plano, o Plano D, que rexerá a ocupación e destrución das áreas rurais e urbanas palestinas e o asasinato ou expulsión dos seus habitantes.
Farto da situación o goberno británico pasou o problema palestina á recentemente creada Organización das Nacións Unidas (ONU) en febreiro de 1947 e esta aprobou o 29 de novembro do mesmo ano a Resolución 181 de Partición de Palestina. A limpeza étnica empezou a comezos de decembro dese mesmo ano e seguiu ata que o 10 de marzo de 1948 se sistematizou seguindo o Pano D. O primeiro obxectivo, os centros urbanos palestinos, logrouse na súa totalidade a finais de abril, nesta fase 250.000 palestinos foron asasinados ou expulsados dos seus fogares . O día 14 de maio, en plena operación, o Consello Nacional Xudeu, presidido por David Ben Gurión, proclamou o nacemento do Estado de Israel. Ao día seguinte os británicos abandonaron Palestina. A barbarie quedou consumada.
Unha ideoloxía baseada na irracionalidade (a secularización e nacionalización dun mito relixioso), excluínte, colonialista, aliada do peor imperialismo e da reacción mundial, que nace destruíndo e desprazando á poboación dun país e logra os seus obxectivos mediante o asasinato e os crimes contra a humanidade, logrou crear e consolidar o seu proxecto. Cunha dirección política e organizativa brillante, traballadora e sen escrúpulos logrou a consumación dunha aberración histórica: o nacemento do Estado de Israel.
As guerras de 1948, 1956, 1967, 1973, 1982, 2006 e o ataque a Gaza dos pasados meses de decembro e xaneiro non serán as únicas. Israel é un estado agresivo, criminal e expansionista, que nunca delimitou as súas fronteiras. A súa prioridade neste momento é completar e consolidar a colonización do que queda de Cisxordania e neutralizar a Irán, despois xa veremos. A esperanza, para calquera persoa progresista do mundo, non reside na creación de dous estados en Palestina senón na destrución completa do Estado de Israel. No Líbano en agosto do 2006, e en Gaza no pasado Nadal, por primeira vez na súa historia, o sionismo foi derrotado.
Xoan Gabeiras