10 may 2009

Pallasos en Rebeldía dende Palestina: CRONICA 7


Onte foi o dia máis estraño de toda a miña vida. Empezarei polo final a modo de conta atrás. Tres da mañá. Salón da casa dos pais do responsable da organización que nos trouxo a Nablús. Retirámonos á cama despois dun debate de toda a caravana sobre a resistencia armada, o motivo: temos adrenalina para cazar unha manda de elefantes e logo botar unha pachanga.
Dúas horas antes cruzamos o casco vello desta cidade ocupada co corazón nun puño e como di Leo Bassi co ano estretto, e todo porque estivemos ata as doce e media no local de Human Suporters debatendo se ao día seguinte iamos facer unha acción pallasil a un chek point (o debate estaba en táboas e eu den o brazo a torcer. Non iríamos facer a acción para non fraccionar o grupo nin forzar a xente que dubidaba). Saímos ás 12.30 do local e o noso guía empezou a facer cousas estrañas como correr de esquina a esquina, mandarnos esperar en silencio ata que el comprobase primeiro se o camiño estaba libre…, total, que de novo nola estabamos xogando. Era a hora das bruxas, a hora na que baixa o exército, e en calquera momneto nos podíamos atopar cunha columna israelita.
Cruzamos como pantasmas a cidade ata o momento no que escoitamos o ruido dun enorme camión que na distancia parecía igual aos que transportan tropas israelitas. Nese intre de pánico colectivo a nosa expedición correu como se o demo nos levase (no meu interior sinto que esa rúa e esa noite estrelada son unha metáfora perfecta da miña vida. A modo de foto fixa síntome parte dun xogo secular ao que pertenzo). Finalmente cehgamos á casa. As palpitacións escóitanse a dez quilómetros á redonda. O camión era de borralla e esa noite o exército non baixaría, pero para a nosa experiencia supuxo tres volta seguidas a este dragón kanh sionista que se chama Cisxordania ocupada.
Antes de sair por patas, celebramos o cumpreanos -pastel incluido- de Laila, a nosa incrible tradutora-guia-loxista e inmellorable embaixadora galaico-palestina. Sempre é algo extraño para min celebrar un cumpreanos en medio dunha vaixe deste tipo, pero o que fixo desta celebración algo único foi estar metidos nun bar ateigado de homes e pipas árabes vendo o histórico 6 a 2 do clásico da liga española (penso que é a primeira vez que vexo un partido de futbol enteiro pola tele na miña vida).
A proporción de fans dun e outro equipo foi a mesma que o resultado pero á inversa. En Palestina calquera escusa é boa para sair da rutina xenocida, así que a controversia barsa "rial" madrid é o primeiro tema de conversación que se nos presenta pola rúa. O caso é que aos 5 minutos de partido xa me estou abrazando e pegando botes cos seguidores do Barça que temos ao noso carón. E eu que penso que o futbol televisado é o opio do pobo! O que non me pase en Palestina non me pasa en ningún sitio.Antes do partido viñamos de dar o obradoiro máis difícil da miña vida. O grupo era grande pero moi interesante e aínda eu tiña que loitar contra a dificultade de traballar con homes e mulleres no mesmo espazo. O que facia deste obradoiro o máis duro que nunca dei foi o xeito de empezar a mañá, algo que non esquecerei nunca.
Son as 10 da mañá e saímos da casa camiño a unha xuntanza co pequeno circo, unha entidade de circo, pero antes agárdanos un percorrido turistico absolutamente dantesco. O noso guía lévanos polo roteiro do terror en Nablús, un combinado que mistura historia de resistencia heroica coa depravación humana máis sangrante.Nablús é unha cidade con máis de 2000 anos de historia, un lugar histórico merecedor de todos os apoios internacionais posibles pero está en ruinas, as ruínas que provoca esta guerra de ocupación. Os sionistas deixaron e deixan (nestes intres estannos sobrevoando os F16 -que se fabrican en Europa ou Estados Unidos-) un rastro de sangue case imborrable. En cada esquina da ciadade hai fotos dos mártires da causa Palestina, en cada ruela hai bandeirolas contando o sufrimento desta población, casas derrubadas polos bulldozers, edificios enteiros bombardeados para que as tropas poidan entrar no corazón do casco antigo, casas e pedras que sepultaron familias enteiras mentres os veciños tiñan que esperar semanas para retirar os corpos ou salvar os supervivintes, historias de nenos asainados mentras xogaban nas terrazas, corpos en descomposición porque nesta cidade os mortos non teñen dereito nin sequera a seren recollidos polos seus seres queridos…

Despois de estar en Nablús a membrana do corazón que me une á humanidade está tan fráxil que teño medo de esbirrar. Dar un obradoiro de risoterapia depois deste percorrido polas venas abertas de Palestina, despois de escoitar máis dunha hora de testemuñas das aberracións cometidas polos soldados xudeos foi, sen lugar a dúbidas, o maior reto da miña vida como militante da fraternidade entre os pobos.Aínda así, o obradoiro saiu moi ben e agora temos unha familia en Nablús, unha familia de varios miles de persoas que viven rodeadas por 6 cuarteis militares, 5 chek points e once cabezas nucleares que están nas súas montañas.Non sei que vai pasar pola noite, se virán os soldados á casa ou non, ou se nos pararán no chek point. O que si sei é que nesta cidade, neste país, estase xogando o meu futuro e o da miña familia. O que está sobre a mesa é se a humanidade está disposta a seguir permitindo este novo holocausto ou non.

Ivan Prado