13 nov 2008

Moratinos, Gomaespuma

Aparella de humoristas coñecida como Gomaespuma sempre me fixo rir. Ultimamente oíra que se separaran, o que non sei se é certo, e dábame mágoa. Por iso me alegrei ao ver que un dos compoñentes de Gomaespuma vai facer un espectáculo no Círculo de Bellas Artes de Madrid con Miguel Ángel Moratinos como compañeiro de mesa. O acto, polo visto, ten por obxecto a presentación dun libro que escribiu o humorista (neste caso, refírome ao de Gomaespuma).

Non sei se é definitivo, pero paréceme estupenda esta elección de Moratinos como novo compoñente do dúo cómico. Moito mellor, desde logo, que o traballo que ten agora, que non sei exactamente cal é porque, aínda que digan que é ministro de Asuntos Exteriores, non o creo. Non creo que Moratinos sexa o xefe da diplomacia dun país. Se fose así, saberíase. Si, véxoo viaxar algunha vez, pero se se desprazase por traballo habería algún resultado, algún acordo importante, algunha intervención brillante que se reseñase nalgún lado. Se de verdade tivésemos un ministro de Exteriores socialista, o asunto saharaui estaría xa medio resolto. España tería unha política exterior propia nalgún asunto (Afganistán, a UE, Oriente Medio, África). Non é así, e eu xa me afixen á idea de que o Ministerio de Exteriores en España é unha cousa que levan os funcionarios pola súa conta, xestionando o papeleo. Ademais, Zapatero non se caracteriza por facer nomeamentos ministeriais brillantes, pero ¿Moratinos, ministro de Exteriores? ¿Cómo ía facer ninguén unha cousa así?

En Gomaespuma, en cambio, Moratinos encaixa fenomenal. Vin o que supoño que foi a súa primeira representación e pareceume verdadeiramente hilarante. Actuaba no Parlamento e o número consistía en explicar a cuestión do uso de aeroportos españois para os secuestros e torturas da CIA. Contábao desa maneira en que explica Moratinos as cousas, estilo Mariano Ozores, pero polo que se podía entender, parecíalle ben o que fixera o Goberno de Aznar (Moratinos cre que segue gobernando). En todo caso, para el, aínda se a tortura e o secuestro estivesen mal, como pensan os progres e a ONU, os americanos non utilizaron finalmente os aeroportos españois (o que coñecendo Barajas é comprensible). Os deputados non riron, supoño que porque non estaban, como tantas veces. Eu en cambio si que rin, porque ten que ser unha broma.

Miguel Anxo Murado
ESCRITO EN CAFETERIAS