19 feb 2008

Crónica de Palestina, (por Camilo Nogueira)

Camilo Nogueira


Entre o 2 e o 7 de febreiro fun a Palestina e Israel, acompañando, a título persoal, a unha Misión do Parlamento Europeu formada por once deputados de Franza, Italia, Portugal, Gales, Inglaterra, República Checa e Eslovaquia, Lituania e Hungría e polos seus asistentes técnicos. A Misión estaba encabezada por Elisa Morgantini, Vicepresidenta do Parlamento, posuidora dunha longa e valente historia de loita pola liberdade palestina.

Viaxaba até alí por terceira vez, como deputado primeiro e logo como exdeputado, cos colegas que na Cámara europea procuran o fin da ocupación por Israel e o recoñecimento dun Estado palestino plenamente independente en Cisjordania e Gaza nas fronteiras do 1967, libre de asentamentos xudeus. Un Estado con capital partillada en Xerusalén, contando con unha solución para os millóns de refuxiados nos paises próximos.

A vez primeira chegáramos pouco despois da masacre de Ienin, onde vimos o alcance destrutor do ocorrido. Cruzando, desde Xerusalen, de sur a norte polo territorio de Cisxordania comprobamos o suplicio a que son submetidos os palestinos para chegar ao traballo e á escola ou para ver os familiares, tendo que suportar os centos de controis (check-points) levantados polo exército de Israel, entanto que os xudeus dos asentamentos -bairros farturentos en meio da pobreza-, circulan libremente pola terra allea. A segunda vez coincidiu coa marcha de Iasser Arafat a Paris procurando a curación após o sofremento do dramático asedio e bombardeo polo exército de Israel da residencia presidencial da Muqata, na que estivemos. Arafat morrería pouco despois lonxe da súa patria.
Neste ano a Misión mantivo reunións en Ramallah, Tel Aviv, Jaffa, Hebrón, Belén, Gaza, Sderot e Xerusalén.

En Ramallah recebiunos o Primeiro Ministro Salam Fayyad, persoa con sólida experiencia internacional, que fora alcalde de Nablús e conseguira a entrega das armas por todas as organización combatentes da vila, sen poder evitar que parte dos militantes xa desarmados foran mortos nun ataque do exército de Israel. Falounos da posición do seu Governo, considerando a marcha das negociacións que seica empreenderon o Presidente de Palestina Mahmoud Abbas e o Primeiro Ministro de Israel Elmudt Holmer e valorou a importancia para o seu povo do apoio material e político da Unión Europea. Mais non chegou a expor o alcance dun posíbel acordo, nen asegurou perante nós que o compromiso daría lugar a un Estado palestino plenamente independente nas fronteiras e coas condicións demandadas pola ONU. El mesmo trata de construir as estruturas administrativas, económicas, sociais e de seguranza da Autoridade Nacional Palestina, tarefa que entanto se manteña a ocupación semella máis que imposíbel. Salam Fayyad está lastrado pola eiva de ter sido nomeado para o seu cargo polo Presidente Abbas despois de destituir ao Primeiro Ministro Ismael Haniya, de Hamás, que encabezaba lexitimamente desde Gaza un Governo de unidade nacional, coa presenza tamén de Al Fatah. A consecuencia última foi a expulsión violenta de Gaza das forzas policiais dependentes do Presidente e o terríbel retroceso representado pola actual separación entre Gaza e Cisxordania.

Na mesma Ramallah, nunha reunión con membros do Parlamento palestino pertencentes ás diversas formacións políticas, incluida Hamás, entre os deputados presentes a maioría aceitaban e procuraban a solución dos dous Estados, mais parte deles se mostraron favorábeis á existencia dun único Estado laico que acollese as dúas comunidades. Tamén estivemos con Ashraf Al Ajami, Ministro para os Prisioneiros nas cadeas de Israel, acompañado pola avogada Fadwa Barghouthi, a muller do encarcerado Marwan Barghouthi, un dos máis respeitados lideres palestinos. O Ministro, un home ainda novo mais con catorce anos nas prisóns israelís en riba, falounos das condicións de vida dos 10.000 palestinos secuestrados e aferrollados por un Estado alleo, contra todo direito e as leis internacionais.

Xa en Tel Aviv estivemos co director da Delegación da Comisión Europea Ramiro Cebrián Uzal. Favorábel como corresponde á política da UE á existencia dun Estado palestino independente, no debate evidenciou unha certa postura de fría neutralidade no tocante ás responsabilidades no conflito. A Unión Europea é principal sostén económico e social dos palestinos é tamén o primeiro socio económico e social de Israel. Mais o Governo israelí destrui sistemáticamente as infraestruturas, ministerios incluidos, construidas con fondos da Unión nos territorios de Cisjordania e Gaza.
En Jaffa, mui perto de Tel Aviv, axuntámonos con membros de Novos Horizontes, unha organización dentro do Estado de Israel formada por activistas contrarios á violencia, opositores á política do seu Governo e defensores dos direitos humanos e da existencia en igualdade do Estado de Palestina. Jaffa, conserva a beleza da antiga cidade e porto do Imperio otomano.

Na cidade de Abraham, Hebrón, estivemos co alcalde Osaily Khaled, con educadores e con membros do Comité para a Rehabilitación da vila. A cidade, que ten 150.000 habitantes, mostraba a situación de violencia derivada da apropriación da parte alta do centro antigo por 400 xudeus de extrema direita, protexidos por 2.000 membros do Exército. Rúas e edificacións que constituen por sí mesmas un patrimonio da humanidade foron destruidas, sendo continuas as provocacións contra os palestinos. Nós mesmos aguantamos a insolencia de dous adolescentes túzaros que desde o alto arrebolaban pedras da neve que caira os días anteriores contra quen pasaba pola rúa comercial que circunda o asentamento xudeu. O asedio impide que Hebrón desenvolva as súas empresas tradicionais de exportación de pedra labrada –a cidade é Porriño de Palestina- e de cerámica.

En Belén, ainda hoxe a cidade cristiá por excelencia en Palestina, as reunións foron co alcalde Victor Btarsah, e co responsábel Jihan Anastas e outros membros do Centro pola Paz da vila. Mellor conservada que Hebrón, e situada entre esta cidade e Xerusalén, Belén está totalmente rodeada polo Muro de Sharon e por asentamentos xudeus. Como nos demais lugares, o alcalde e os activistas pola paz deronos probas de coraxe a intelixencia. Pedíralle que estivese connosco a Moncho Iglesias, profesor galego da Universidade. Convidado a dicir unhas palabras sobre a súa experiencia coas raparigas e rapaces palestinos, nun perfecto inglés falou dos problemas causados entre os xovéns polo isolamento e o apartheid, merecendo o aplauso sincero de todos os presentes.

En Gaza, acompañáronnos membros da UNRWA, a organización da ONU para os refuxiados que, xunto coa Unión Europea, contribue a aliviar materialmente o rigor cruel do cerco imposto á xente da Faixa mediterránea. Pudemos ver o estado do hospital central da capital, coas dramáticas carencias que sofren os doentes, chegando mesmo a morreren en momentos críticos, maiores e prematuros particularmente, a causa da falta de electricidade ou de medicamentos. Topamos co estado de abandono dos campos de refuxiados. Hoube logo unha reunión con muitos dos membros da organización para o Fin do Asedio de Gaza, parte deles antigos prisoneiros en Israel. A serenidade e a mostra de valor do seu comportamento resulta exemplar. Tamén se mantivo unha xuntanza con empresarios palestinos, obrigados a fecharen as súas empresas a causa do estado de sitio. Na mesma cidade de Gaza, con centos de miles de habitantes, as penurias se evidenciaban coa presenza no medio do tráfico de pequenos carros tirados por animais.

Estando a Misión alí, o exército de Israel matou a sete persoas e feriu a outras máis, nunha acción que se repetiu con máis mortos ao día seguinte, como represalia a un lanzamento de foguetes contra o Sderot israelí, ao outro lado da fronteira.
Xa pola tardiña mantivemos o encontro programado en Sderot con membros da Universidade da cidade. Acababa de haber outro lanzamento de bombas contra esta vila, como o día antes sen vítimas.

O paso da fronteira de Erez cara Gaza constituira para nós unha experiencia que retrata un dos elementos da tráxica situación en que se vive. O imenso edificio da fronteira, diferente do que coñecimos hais uns anos, constitui unha cruel representación dun mundo deshumanizado. Para entrar no territorio de Gaza, ademais da demorada lectura informática do pasaporte e da revisión das maletas é preciso pasar por sucesivas celas robotizadas que escanean todo o corpo, sendo manexadas desde o alto por xovéns axentes femeninos e masculinos que fan un traballo de control barbaramente impersoal e aparentemente aséptico. Despois de percorrer longos corredores solitarios, o que se atopa ao pasar a fronteira é un gran espazo abandonado, cos restos da destrución imisericorde das naves dun extenso polígono industrial, no que antes do total isolamento da territorio funcionaron empresas, con traballadores palestinos, que atendían mercados en Israel.
No retorno tivemos que soportar de novo o mesmo control humillante levantado contra os palestinos.

(Cando saíamos de Gaza tocoume sofrer unha experiencia particular. Tendo unicamente no peto a carteira, co cartón de crédito e o pasaporte, logo dun escaneado rotatorio fun desviado a outros cubículos nos que repetiron a operación, para despois ser introducido, por ordes dadas desde a altura e sen posibilidade material de desobedecelas ou contestalas, nunha cela que se fechou herméticamente a miñas costas, sen que ninguén acudise de imediato. Ao cabo dunha meia hora, desde outra cámara separada por un vidro pedíronme que me desnudase. Entraron logo dous ghichos que ainda me pasaron un escaner manual por todo o corpo á procura de non sei qué. Só despois de todo iso, e sen receber ningunha explicación nen disculpa, puden reunirme co grupo, para suportar posteriormente, como todos, o insolente e demorado control do pasaporte).

En Jerusalén, no Parlamento de Israel, o Knesset, mantivemos unha reunión con tres deputados dos partidos governantes. Dous deles antigos xenerais. Unha xeneral, a primeira muller con esa graduación no exército de Israel, forma parte de Kadima, o partido do Primeiro Ministro. O outro xeneral, ex dirixente do Mossad, é deputado do Partido Laborista. O terceiro pertence tamén a Kadima. Na discusión habida, os componentes da Misión do Parlamento Europeu expuxeron a posición maioritaria na Cámara europea sobre a necesidade do fin da ocupación, coa solución dos dous Estados, para abrir o proceso conducente ao estabelecimento dun Estado de Palestina plenamente independente e soberano, nas fronteiras de 1967.

Entre aqueles deputados xudeus non todas as posicións foron iguais, sendo a da deputada, nacida en Palestina, máis compreensiva que a dos outros dous. Porén, ainda que se tratou sobre a hipotética negociación entre o Presidente da Autoridade Nacional Palestina e o Primeiro Ministro de Israel, o tono das respostas do membros do Knesset aos interrogantes dos deputados europeus foi áspero, exixindo que os governantes da impotente Autoridade Nacional palestina actuasen contra os grupos resistentes utilizando a forza dun Estado que non teñen, e negándose radicalmente a un compromiso sobre os refuxiados. Esquecendo o tratamento especial e privilexiado que Israel recebe por parte da Unión Europea e o carácter da Misión do Parlamento Europeu, acabaron facendo improprias referencias as experiencias sofridas polos xudeus en Europa, como un todo, sen distinguiren entre os diferentes comportamentos históricos e entre uns e outros europeus. Deixaron mui pouco lugar para a esperanza.

Saimos ao dia seguinte desde o aeroporto de Tel Aviv. Desde Xerusalén, a autoestrada que une as dúas cidades atravesa e divide un territorio que pertence á Cisxordania palestina. O moderno aeroporto, que segundo eles é un dos principais de Europa, e as modernas cidades de Israel contrastan coas povoacións palestinas, que sobreviven como poden, alén do muro e carentes do máis preciso.

Os componentes da Misión vivimos de novo de perto a situación de colonización e apartheid na que permanece aquel povo. Comprobamos a coraxe da xente, resistindo con esperanza e criatividade. Os activistas israelís e palestinos, esquecidos polos medios de comunicación mais dispondo dunha compreensión mútua infatigábel, constituen unha reserva para a convivencia en paz.

Ainda mantendo a mesma actitude en prol da solución dun problema histórico que envenena o mundo inteiro, volvín coa impresión de que a solución vai para lonxe.
Os israelis non queren ver as razóns demográficas que aconsellarían unha pronta solución. Integrados no sistema de dominio militar dos EEUU e axindo sistemáticamente coa intención de debilitar as posicións do palestinos, procurando mesmo a súa rendición, nen siquer pareceron conscientes de que a única solución estratéxica posíbel para conservar o Estado de Israel e o recoñecimento dun Estado palestino independente. De non ser así acabarase impondo non só a xustiza, senón tamén a demografía: os palestinos, con 5 millóns de persoas entre Cisjordania e Gaza, Israel e Jerusalén Leste e alcanzando sobre 10 millóns contando tamén os refuxiados nos paises próximos, superan con muito aos 5,5 millóns de habitantes xudeus de Israel. Cada vez a diferenza será maior. Ainda sofrendo, os palestinos resistirán.

Na volta a Galiza fican presentes a deslumbrante impresión da mezquita de Al Aqsa -coa estrutura arquitectónica dunha basílica romana e con fermosísimos e sobrios adornos- e da Cúpula da Rocha, no conxunto das Explanada das Mezquitas, un amplo espazo de beleza única no mundo, dentro da cidade vella de Xerusalén, e a visión dos sitios históricos xudeus e cristiáns da capital e de Hebrón e Belén.