lunes 19 de octubre de 2009

Palestine: Show The Soul por Hindi Mesleh

A ONGD Viraventos está a realizar unha exposición fotografica do fotografo palestino Hindi Mesleh , residente na cidade de Bethelem e que reflexa a realidade diaria do seu pobo.
ستنظم المنظمة الخيرية بيرابينتوس المعرض التصويري للمصور هندي مصلح، من مدينة بيت لحم و الذي يعكس الواقع اليومي لدى شعبه

A Coruña: لا كورونيا

Lugar: Centro Comercial " O Puerto Centro de Ocio "المكان: المركز التجاري O Puerto Centro de Ocio
Datas: Do 15 o 30 de Outubro تاريخ: من 15 إلى 30 أكتوبر

Santiago De Compostela: سانتياغو دي كومبوستيلا

Lugar: Galeria Sargadelos, Rua Nova 16 المكان:معرض سارغاديلوس، شارع روا نوبا رقم 16
Datas: Do 20 de Outubro o 4 de Novembro تاريخ: من 20 أكتوبر إلى 4 نوفمبر

PRESENTACIÓN XORNADAS INTERNACIONAIS "O BERRO SILENCIO", أمسيات دولية "النداء الصامت"


A ONGD Viraventos ten o gusto de convidarvos a participar nas Xornadas Internacionais sobre Palestina.
Como sabedes mantemos un forte compromiso con dar difusión á terrible situación que vive o pobo palestino, desde fai mais de 60 anos.
Por este motivo querémosvos facer chegar a voz da poboación civil, tan afectada pola terrible ocupación dos seus territorios.

Na Coruña:

As xornadas realizásense os días 16 e 17 de Outubro na cidade da Coruña.

Lugar: Auditorio do Centro Social Caixanova dá Coruña.
Enderezo: Avenida Da Marina, esquina casarua Da Fama.
Horario: Venres 16 de 10 a.m a 14 h
Sabado 17 de 10am a 14 h
Prezo: Subvencionado
Titulación: Un credito de libre configuración pola Universidade da Coruña
Inscripciónes: ongviraventos@yahoo.es

En Santiago De Compostela:

Lugar: Salón de Graos dá facultade de Ciencias Politicas e Sociais dá USC
Enderezo: Campus Sur dá USC.
Horario: Luns 19 de 10 a.m a 14 h
Martes 20 de 10am a 14 h
Prezo: 15€ podese pagar no lugar de celebración
Titulación: Un credito de libre configuración pola Universidade da Coruña
Inscripcións: ongviraventos@yahoo.es
---------------------------------------------------------------------------------------------

ONGD Viraventos
Rua Barcelona 37,1ºA
15010 A Coruña
Tlf: 881 889 460
www viraventos.org
info@viraventos.org ongviraventos@yahoo.es

lunes 5 de octubre de 2009

ISRAEL, VERDADES INCÓMODAS

Miguel-Anxo Murado



UN DOS efectos do conflicto palestino-israelí é que distrae da atención do propio Israel, onde se atopa a clave para comprender non só o tal conflicto senón tamén por que semella imposible resolvelo. A ocupación e a violencia son tan terribles que poucos reparan no tipo de réxime que existe en Israel mesmo. Así, o cliché de que “polo menos” Israel é a única democracia de Oriente Medio acéptase sen máis. Trátase dunha afirmación cando menos discutible e que merece o repaso dalgúns aspectos delicados dun país moito máis singular do que xeralmente se cre.

Se por democracia entendemos a existencia dun sistema pluripartidista, eleccións e separación de poderes, Israel sería, efectivamente, unha democracia, como tamén o serían Irak, Líbano ou Iemen. Se adoptamos unha definición máis estricta, sen embargo, eses países caerían da lista. Israel incluído.

Dúas clases de cidadáns israelís

Sesenta anos despois da súa creación, o certo é que en Israel segue sen haber igualdade perante a lei. A nacionalidade está reservada exclusivamente ás persoas descritas como “xudeus” en termos estrictamente xenéticos: un xudeu é un descendente de xudeus, non unha persoa nada no Estado xudeu. O 20% restante da poboación (armenios, circasiáns e sobre todo árabes) tan só ten cidadanía, unha categoría legal inferior. Estes árabes israelís (que non se deben confundir cos palestinos) poden votar, pero teñen limitados os seus dereitos en moitos aspectos. Por exemplo, non poden residir libremente no territorio do seu propio país. Isto débese a que o 97% do chan do país pertence ó Estado (foi a terra confiscada aos palestinos deportados en 1948) e está prohibido alugala ou vendela a outros israelís non-xudeus. É fácil identificar a uns e outros porque o DNI describe obrigatoriamente a “etnia” do cidadán: “musulmán”, “cristián”, ou mesmo “xudeu novo” cando se trata dun converso.

O matrimonio entre persoas de distintas relixións está, por suposto, totalmente prohibido pola lei. No caso dos árabes-israelís, estes non poden casar tampouco con outros árabes de determinados países, como Palestina ou Siria (aínda que os xudeus si poden facelo con xudeus deses mesmos países). Esta desigualdade legal, que se estende a moitas outras esferas, non só non diminúe co tempo senón que se vai agravando co paso dos anos, con leis cada vez máis restrictivas para os cidadáns non xudeus do Estado. Para engadir inquedanza, é xa habitual que dirixentes políticos (ministros incluídos) fagan declaracións chamando abertamente á “transferencia” (deportación) dos cidadáns non xudeus.

¿Un estado laico?

Outro erro moi común é crer que Israel é un estado laico. Tal descrición non figura en ningún lugar do ordenamento xurídico de Israel, que sesenta anos despois da súa creación aínda carece de constitución escrita. Os feitos son que en Israel non existe matrimonio nin enterramento civil, só relixioso, e numerosos aspectos da vida cotiá están rexidos polas leis rabínicas dun xeito non moi distinto a cómo algúns países musulmáns incorporan o Corán á súa lexislación. Esta tendencia tamén se vai reforzando co tempo e a presenza de rabinos fundamentalistas no goberno é unha constante desde hai xa moito tempo.

A condición da muller é moi preocupante neste ámbito dos xudeus fundamentalistas, que lonxe de constituír unha minoría comprenden aproximadamente o 20% da poboación. Por contraste, tan só outro 20% dos israelís decláranse “laicos”. O 60% restante confésase relixioso en diversos graos, o que mostra o cadro dunha das sociedades occidentais nas que a relixión ten maior preponderancia social e política. A imaxe popular do país do kibbutz socialistas é un mito: nestas comunas (sempre prohibidas aos árabes-israelís) nunca residiu máis dun 4% da poboación e hoxe practicamente non existen. Canto á ideoloxía dominante no país, as eleccións mostran nos últimos trinta anos un constante escoramento cara a dereita e a extrema dereita, unha tendencia que comezou no período máis pacífico da relación cos palestinos e os seus veciños árabes. Isto é así ata o punto que partidos como Kadima ou Likud, indiscutiblemente pertencentes á dereita radical, áchanse agora no centro do espectro político. Máis á súa dereita atópanse organizacións fundamentalistas como o Partido Nacional Relixioso, a Unión da Torá polo Xudaísmo ou Shas, así como outras forzas declaradamente racistas, como a Unidade Nacional, todas elas parte das maiorías gobernamentais.

Este dos partidos políticos é outro exame que a democracia israelí non pode aprobar. Tecnicamente, non existe liberdade de asociación, posto que están prohibidos os partidos que non acepten o “carácter xudeu” do Estado. Ata os anos oitenta os árabes israelís non podían nin sequera concorrer ás eleccións con listas propias. Tampouco se pode afirmar taxativamente que haxa liberdade de expresión en Israel, xa que, aínda que non moi aplicada, segue a haber censura militar previa. Isto fai que a auto censura sexa unha práctica habitual entre os xornalistas israelís. Canto á xustiza, e deixando a parte outras anomalías, a lei permite a tortura baixo o eufemismo de “presión física”.

Son estes tan só uns poucos exemplos do lonxe que está aínda Israel de poder ser considerado como unha democracia, algo esencial para resolver os conflictos de Oriente Medio. E logo están os Territorios Ocupados...

domingo 4 de octubre de 2009

XULIETA EN BEIT SAHOUR

Miguel-Anxo Murado

HAI ANOS intentouse en Israel unha representación do Romeo e Xulieta de Shakespeare na que os montescos estaban representados por actores israelís e os capuletos por actores palestinos. Houbo que suspendela antes da estrea: uns e outros pelexábanse xa surante os ensaios. Considerouse un desastre, e quizais o foi desde o punto de vista da política. Pero desde o punto de vista do teatro foi un éxito: demostrouse que Shakespear tiña razón.

Véuseme á memoria aquel incidente ó ler a noticia sobre esa muller-soldado israelí que escapou cun rapaz palestino. A rapaza estaba destinada nas forzas que ocupan Cisxordania e, igual que Romeo e Xulieta se coñecían nun baile de máscaras, ela coñeceu ó seu namorado nese macabro baile de máscaras que tamén é a guerra.

Cunqueiro contaba o número de palabras que tivera que empregar Romeo para namorar a Xulieta, e saíanlle moi poucas (en relaidade, son menos de cen). Non sei cantas empregaría o rapaz palestino, ou se sería ela quen falou, pero polo menos ela atreveuse a facer o que non fixo Xulieta: marchar co seu namorado a Mantua para casar, neste caso a Beit Sahour, preto de Belén, onde estiveron ocultos durante varios días, ara que nunha insólita alianza de capuletos e montescos, policía palestina e exéercito israelí os capturaron e os separaron. Agora, todo o mundo está moi contento tanto en Israel como en Palestina polo que consideeran un final feliz, porque, e nisto están de acordo uns e outros, a historia era unha "cousa de rapazolos e mala cabeza".

Como de Romeo e Xulieta, cabería dicir. Ós espectadores no teatro gústanos crer que estamos de parte dos namorados, pero na realidade preferimos os nosos prexuízos e ser nomtescos ou capuletos. Os mesmos que saloucan por Xulieta no patio de butacas, meteríana nun reformatorio se a tivesen por filla (tiña trece anos, practicaba o sexo, tomaba drogas) e a historia se imprimiría nos xornais con iniciais (J.C e R.M, menores de idade.). Shakespear sabíao, e por iso preferiu facer morrer ós amantes de Verona: para que non tivesen que pasar pola humillación que acaban de sufrir os amantes de Beit Sahour, convertidos na única cousa, precisamente, na que son capaces de poñerse de acordo os seus respectivos pobos. "Tristes xoguetes do destino", como dicía Shakespeare en frase famosa do acto III.

FLORES DE RAFAH

Miguel-Anxo Murado



O ÉXITO de Israel non consiste en poder entrar a matar en Gaza cando lle pete. O éxito consiste en que, despois da matanza de onte en Rafah, un presidente europeo como Zapatero non se atreva a dicir nada máis que o sucedido é “un camino negativo para la paz”. Máis de trinta mortos en 48 horas, moitos deles nenos que participaban nunha manifestación pacífica, máis de cen casas derrubadas desde a fin de semana pasada... A lingua española ten expresións bastante máis precisas, e seguro que máis contundentes, que a que empregou o presidente español. Pero non se atreveu.

A esas horas, o ministro de Exteriores israelí Silvan Shalom estaba en Madrid. Shalom (que ironía: o seu nome, en hebreo significa “paz”) sorprendeuse de que lle preguntasen por estes nenos de Rafah. “En Rafah hai terroristas” dixo, mentres deixaba un ramo de flores na estación de Atocha. Outra victoria: apoderarse das víctimas do 11-M, cando esas víctimas están no mesmo lugar que os nenos de Rafah.

De feito, tamén os nenos de Rafah descansaban entre as flores. Había xa tantos cadáveres na cidade onte que non cabían na pequena morgue do Hospital e a moitos os levaron ós invernadoiros. Rafah, que a última vez que fun a Gaza era xa case un escombro na area, aínda produce algunhas flores co mesmo espírito que un neno impedido pinta coa boca. Rafah tamén está impedida e mutilada, e tamén é ademais un neno, porque toda Palestina é unha nación de nenos (son a metade da poboación) e por iso non é tan estraño que Israel os mate cada vez que quere matar palestinos.

Abonda ler calquera periódico israelí, onde se fala arreo do “problema demográfico”, para comprender que é ós nenos a quen os israelís consideran o verdadeiro inimigo nesta guerra que Israel libra contra eles e os ventres das mulleres palestinas. Son eles quen un día, de feito, lograrán, coa súa mera supervivencia e a forza do seu número, o que non lograrán nunca as bombas nin as balas: o fin desa triste equivocación que é o Estado étnico xudeu de Israel. Pero non é ningún consolo: de momento aí están, desangrándose no colo dos seus pais que os levan a toda presa para o hospital, despois de que os helicópteros ceibaran os seus mísiles contra eles, como sucedeu onte. Quedou a area marela de Gaza tinguida do seu sangue. Esas son as flores que produce Rafah estes días: os pétalos vermellos dos coágulos da sangue na area.

AMORODOS

Miguel-Anxo Murado


ALEIXANDRE MAGNO, na súa carreira tola por conquistar o mundo (a morte libroulle de decidir que facer logo con el), atopou unha resistencia inesperada ás portas de Gaza. A cidade lograba repeler un e outro ataque, e ata o propio Alexandre recibiu unha pequena ferida. O macedonio era un tipo de pouca paciencia, queríao todo e no momento (hai que comprendelo, era case un adolescente), así que mandou traer catapultas, e arrasou a cidade. Mandou pasar a coitelo a 10.000 defensores e vender como escravos ás mulleres e ós nenos. Non contento con isto, buscou ó comandante do destacamento que se defendera tan ben, fíxoo torturar e matar e logo persoalmente arrastrou o seu corpo nun carro tirado por cabalos brancos. Os que pensan que a violencia en televisión fai violentos ós pequenos teñen aí un precedente, porque Alexandre quitara esta idea da Ilíada, o culebrón favorito da Antigüidade, onde Aquiles fai o mesmo co defunto Héctor. Pero tamén os que cren que un bo profesor garante unha boa educación teñen aquí algo en que pensar: o educador de Alexandre fora un tal Aristóteles.

A sangue daquel comandante de Gaza non foi a que primeira que tinguiu a amarela area de Gaza. A última vez foi a semana pasada. Todos os lugares teñen unha historia de desgracias pero, en concreto, os estudiosos outorgan a Gaza o triste título de lugar máis disputado da historia. Máis de corenta exércitos a conquistaron e a abandonaron: Filisteos, israelitas, asirios, babilonios, exipcios, persas, romanos, árabes, cruzados, otománs, británicos, israelís… Non é sorprendente que “Gaza” signifique precisamente iso: “lugar invadido”. Eses exércitos foron cambiando, pero hai algo que non cambiou nunca: a figueira, o dátil, a oliveira e os amorodos, tan vermellos en Gaza que parecen pingas de sangue cando os miras desde a distancia. Porque en ningún lugar do mundo o vermello destaca tanto como na seca codia de Gaza.

O domingo outro exército abandonaba Gaza, por enésima vez na súa historia. Prendín a o televisor na madrugada do luns, nun hotel de Sevilla, sen son, e aínda antes de ver nada recoñecín a cor amarela, o papel de estraza que envolve Gaza. Un convoi israelí partía levando consigo as súas bandeiras dobradas e colocadas no fondo dos camións, coas caixas de munición. Axiña, uns labregos palestinos que os estaban observando corrían á posición abandonada. ¿Que facían? Nada. Querían plantar amorodos.

INOCENCIA

Miguel-Anxo Murado


ESTE OFICIAL do exército israelí que acribillou a balazos o corpo dunha nena palestina en Gaza non fixo nada reprobable nin contrario á Ética. Así o acaba de determinar unha investigación interna do propio exército israelí, unha das poucas que se teñen iniciado por incidentes como este ou moito máis graves.

Ética. Hai palabras que, segundo que as pronuncie, vólvense irrecoñecibles. Repasemos brevemente os feitos, que xa son coñecidos: Iman al-Hams era unha nena árabe de trece anos ,do campo de refuxiados de Yabalia, que se perdeu en medio da néboa e foi dar a un posto de control do exército israelí. Naturalmente, botou a correr de contado. Os soldados, considerando sospeitoso este comportamento, tiraron a matar. E mataron. Entón, este oficial achegouse a inspeccionar o corpo da pequena, e algo debeu ver naquel vulto de inocencia e morte que o impulsou a baleirar nela o cargador completo da súa arma.

Este home non foi nin vai ser xulgado. Durante uns días apartárono das súas funcións. Pero non por esnaquizar o corpo da nena, senón por poñer en risco a súa propia vida ó saír do posto de vixilancia. En todo caso, este castigo considerouse excesivo, e o capitán R. está de novo albiscando presas entre a máxica néboa de Gaza. Que agora o exército diga que o que fixo non está mal non me escandaliza especialmente, compréndoo. Despois de todo, ¿que outra cousa fai ese exército máis que disparar contra un pobo desesperado e asustado ó que previamente se considerou sospeitoso? ¿Non é Palestina o corpo dunha deitado entre as oliveiras ó que outro país enteiro segue rematando no chan?

Unha vez, aló en Palestina, tocoume cubrir unha noticia pequena pero triste: un pelotón israelí asaltara unha escola cristiá palestina preto de al-Khader. Entre outras cousas, os soldados entretivéranse pisoteando ferozmente os debuxos dos nenos de párvulos. “¿Que pode ver alguén de odioso o debuxo dun reloxo que sorrí e explica as horas?” preguntábame a profesora, conmovida. Pero a min a resposta pareciame obvia: que ese debuxo representa a inocencia, unha inocencia que ofende.

A pequena Iman. Como debía de ser fermoso o seu rostro, mesmo enguedellado xa na morte, cantísima inocencia radiante debía desprender aínda, para que este oficial sentise a necesidade de usar tantas balas para borralo deste mundo.