28 abr 2009

Pallasos en Rebeldía dende Palestina: CRONICA 1


De cando os apelidos son sinónimo de terrorista


Despois de 12 horas de viaxe, parada incluída en Estambul, chistes, moitas risas, certos nervios e bastantes preguntas chegamos a Tel Aviv, cansos e cheos de sono. Aínda así non perdiamos a alegría, xa que estabamos cerca de Palestina e pronto empezaría a nosa aventura, pero démonos de fuciños contra o valado, non o físico que atravesa Cisxordania ignominiosamente, senón o valado da represión sistematizada, a incompresión e o terrorismo de estado.


No aeroporto de Ben Gurion, deteñen a Laila pola súa ascendencia palestina. O seu apelido fai sospeitar á xudia de cor que se atopa metida nesa garita tuneada coa que xa te humillan nada máis chegar a Isarel. Lévana á parte cando se enteran de que o seu pai naceu en Yenin e a nós déixannos marchar, pero Edu e eu decidimos que un de nós fica na antesala do inferno para non deixar soa a Laila, así que me armo de valentía ignorante e, co meu inglés do Porriño, voume para enriba dun armario con patas e traxe de torturador e pregunto pola miña amiga.


Total, que me quitan o pasaporte e me meten nunha saliña pola que van pasando, como no bar intergaláctico de "La guerra de las galaxias" todo tipo de especímenes, desde mexicanos de camiño a Xerusalén en santa peregrinación ata árabes con pintas de dedicarse ao tráfico de armas e outras especies. Ninguén me explica nada pero eu tamén estou retido, non entendo o idioma do país e non teño papeis. Agora comprendo un chisco máis os africanos que chegan ás nosas costas.


Laila vai entrando e saíndo de varios interrogatorios e de vez en cando déixana vir conmigo, así ata que na quinta visita ao kafkiano aparato sionista, obrígana a abrir o seu correo e descobren ao que realmente vimos, momento no que nos amezan con botarnos do pais e obríganme a entrar na sala de interrogatorios.


Eu canso, farto e de mala hostia, decido que se me van botar polo menos que sexa con clase. Mensaxes e chamadas ao consulado e a Edu, que está fóra esperándonos coas maletas, aos primeiros para pedirlles axuda (cousa que non serviu para nada) e ao segundo para que fuxa e se esconda (cousa que tampouco funcionou porque el decidiu que, se nos botan, solidariamente, regresa con nós).


Total, que entro e decido sentarme nunha cadeira que queda baleira, iso si, está ao fondo e na esquina do cuartucho, cousa que cabrea moito a señora e nun inglés vomitado bótame unha berradura e dime que me arrime, ao que eu lle contesto coa miña estudada frase "sorri ai an non espikin inglis". A señora -de mala hostia- responde que non me preocupe, que ela sabe español, pero eu entendo o contrario e respondo que "eso yes is a problem", e a señora responde que o problem o teño eu e moi big, vamos que Faemino e Cansado estarían felices de copiar estes diálogos.


Logo mándame buscar o billete de volta en papel, cousa moi anticuada porque xa fai tempo que todo isto funciona por Internet. Dígollo e ameaza con botarme do país. Ademais empeza a berrar que non temos billete, e eu a dicirlle que si, que está en Internet, e ela a dicir que non temos billete e que nos bota. Despois dun anaco de ping - pong finalmente mándame mirar o meu correo, así que movo a pantalla para min e a paisana móvea para ela, eu para min ela para ela, e a quinta vez deste valse dos idotas cabréase tanto que nos bota da habitación. Home, era o que faltaba que fora eu abrir alí diante desa represora o meu correo.


Cinco horas despois da nosa chegada, estabamos libres. Isarel é un estado ilegal e ademais maleducado que non entende que as persoas somos seres vivos e non pezas dunha cadea de montaxe. Se chegan a saber que eu me apelido Fernández e que, posiblemente, algún antergo meu lle prendeu lume a algunha casa de xudeos no Medievo español, ao mellor aínda seguiamos alí encerrrados.


Na porta hai un enorme cartel que pon "Welcome a Isarel", e eu penso que deberían engadir: "As autoridades isarelís infroman que ser persoa neste país prexudica seriamente a súa estadía nel".



Ivan Prado

19 abr 2009

A nosa compañeira Laila Tillawi con "Pallasos en Rebeldía" na Palestina


A nosa compañeir Laila Tillawi sumase a expedición humanitaria de "Pallasos en Rebeldía" que estes días sae para Palestina. Laila, que dede fai moitos anos e unha das membras mais activas de Galiza por Palestina, será a traductora da expedición, tal e como recolle a prensa galega estes dias:

GALICIA HOXE:
A forza dos risos solidarios
Pallasos en Rebeldía leva o espírito do clown a Palestina nunha campaña de quince días polo país
MARÉ . SANTIAGO

Do 21 abril ao 5 de maio o colectivo galego Pallasos en Rebeldía levará o espírito do riso e do clown a Palestina. Iván Prado e Isaac Rodríguez Miranda embárcanse nesta caravana solidaria que pretende impartir obradoiros de clown, risoterapia e, así mesmo, realizar diversas actuacións, ademais de capacitar os integrantes do circo palestino en técnicas de clown e a traballadores sociais en técnicas de risoterapia.
Pallasos en Rebeldía achegarase a distintias zonas, entre elas Ramallah, Qalqiliya, zona vella de Xerusalén, Belén, Hebrón, Nablus, Jenin, Tulkarem e alguhas vilas e pobos, así como nos campos de refuxiados, en escolas, centros culturais, sociais e xuvenís.
No que respecta á composición da caravana, o colectivo galego de clown e solidariedade estará composto polos dous clowns mencionados anteriormente, ademais de por Laila Tillawi Quintela, que se encargará da tradución e Eduardo Segurado, que tomará imaxes e rexistrará o paso deste furacán riseiro por terras palestinas.
O director do Festival Internacional de Clown de Galicia, o Festiclown, Iván Prado, volve a Palestina logo dunha primeira viaxe en 2002. Colaborando con Pallasos sin fronteras, o actor e clown galego achegou ao pobo palestino as ferramentas da risa. Como significativo da viaxe solidaria, atópase o gran traballo realizado cos nenos refuxiados en campamentos.
Desa viaxe fíxose un documental, asinado por Mikio Tsunekawa e titulado Media Luna Roja, diario de guerra de un payaso.

LA VOZ DE GALICIA:
O colectivo galego Pallasos en Rebeldía leva a Palestina o espírito da risa
O clown galego solidario, Iván Prado, voltará a Palestina o próximo 21 de abril ata o 5 de maio, acompañado do seu compañeiro de profesión, Isaac Rodríguez, da tradutora Laila Tillawi e Eduardo Segurado, que tomará as imaxes.
Prado, que ademais é director do Festival Internacional de Clown de Galicia, xa visitou Palestina hai sete anos e agora continúa demandando deste xeito «xustiza e humanidade». O obxetivo é similar ó actual: denunciar a presión á que está sometido o pobo por Israel, e nesta ocasión impartirán obradoiros de clown e risoterapia e ofrecerán algunhas actuacións.
Pallasos en Rebeldía achegará esta risa solidaria a varias zonas, entre elas Ramallah, Qalqiliya, Belén ou a zona vella de Xerusalén. Tamén estarán en campos de refuxiados, escolas, centros culturais e sociais, etc.
Esta iniciativa foi financiada pola Coperactiva Cultural en Galicia, e por diversas institucións palestinas.

A NOSA TERRA:
Pallasos en rebeldía volven a Palestina
Redacción . O colectivo galego regresa, sete anos despois, para levar o riso e o clown a Palestina e denunciar 'a continua e reiterada' opresión israelí.
Imaxe de Pallasos en Rebeldía Iván Prado e Isaac Rodríguez Miranda emprenden esta caravana solidaria para impartir obradoiros de clown e risoterapia, ao persoal do circo palestino e aos traballadores e traballadoras , amais de realizar diversas actuación. Estarán en Ramallah, Qalqiliya, a zona vella de Xerusalén, Belén, Hebrón, Nablús, Xenín, Tulkarem e algunhas vilas, amais de nos campos de refuxiados, en escolas, centros culturais, sociais e xuvenís.A estes dous clowns acompáñaos Laila Tillawi Quintela, que se encargará da tradución, e Eduardo Segurado, que tomará imaxes e rexistrará o paso deste "furacán riseiro" por terras palestinas. Pallasos en Rebeldía conta para este proxecto con financiamento de Coperactiva Cultural desde Galiza e a Escola de Circo Palestino, os Comités de Traballo para a Saúde, Human Supporters e a Asociación Addameer (que significa literalmente "Conciencia" e traballa cos presidiarios e ex-presidiarios, especialmente mulleres, nenos e fillos de presidiarios) en Palestina. O director do Festival Internacional de Clown de Galicia, o Festiclown, Iván Prado, volve a Palestina logo dunha primeira viaxe en 2002. Daquela, a viaxe fora filmada e realizada posteriormente nun documental por Mikio Tsunekawa, titulado Media Luna Roja, diario de guerra de un payaso, un filme de produción catalá chilena e palestina. Foi gravado principalmente en campamentos de verán organizados pola Media Lúa Vermella Palestina, dende os campos de refuxiados da Al-Arub, no distrito de Hebrón, até o outro extremo do territorio, entre outros lugares aos que levar risas e emocións.
http://www.anosaterra.org/nova/pallasos-en-rebeldia-volven-a-palestina-.html

1 abr 2009

AVISO

A Asociación Galiza por Palestina queremos convidar a unha reunión co obxectivo de dar continuidade ás iniciativas d eapoio e solidariedade co Pobo palestino.

Despois das mobilizacións polo ataque a Gaza faise necesario continuar a desenvolver campañas e iniciativas tamén a nivel local. Por iso, estades concidadas/os a participar na reunión de Compostela, 1 de Abril no Centro Social O Pichel ás 20 h. Aportaremos ideas e accións solidarias para continuar a denuncia das agresións do estado terrorista que é Israel.

Da Assoc. Galiza por Palestina queremos convidar-vos a umha reuniom com o objectivo de dar continuidade às iniciativas de apoio e solidariedade com o Povo palestiniano.

Depois das mobilizaçons polo recente massacre em Gaza fai-se necessário continuarmos a desenvolver campanhas e iniciativas também a nível local.

Porque as agressons do estado terrorista de Israel som diárias e flagrantes, mantenhamos aceso o facho da solidariedade.